A Deputación sopesa denunciar á Xunta ante os tribunais polo abandono do Pazo de Lourizán

Pontevedra
17 de febreiro 2019
Actualizado: 12:49

O goberno provincial tratará de esgotar primeiro a vía política presentando unha moción ao próximo pleno da Deputación na que instará o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo a que "de forma inmediata" cumpra co convenio en vigor que lle obriga á conservación do Pazo

Pazo de Lourizán Juan Mejuto

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra (PSOE-BNG) está decidido a recuperar que o Pazo de Lourizán polo que sopesa denunciar á Xunta ante os tribunais polo abandono que sofre este emblemático edificio que o político Eugenio Monteros Ríos comprou a finais do século XIX e converteu en residencia de verán.

A situación do Pazo de Lourizán é tan preocupante que a Asociación de alumnos e exalumnos da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (ASECREGA) lanzou un #SOSPatrimonio para alertar do seu estado. Tamén a Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra avisou o pasado novembro do "estado de necesidade" do edificio, solicitando ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta que esta construción e o resto da finca sexan declarados BIC (Ben de Interese Cultural).

O goberno provincial tratará de esgotar primeiro a vía política presentando unha moción ao próximo pleno da Deputación na que instará o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo a que "de forma inmediata" cumpra co convenio en vigor que lle obriga á conservación do Pazo.

Nesa mesma moción inclúese a advertencia ao Goberno galego de que se non actúa a Deputación se reserva a posibilidade de acudir ás vías legais para reclamar que a Xunta cumpra a lei de patrimonio.

Esta mesma semana, a deputada do PSdeG Patricia Vilán preguntou por esta cuestión ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda lembrándolle que o convenio polo que a Deputación, titular do Pazo, cede o seu uso á Xunta termina en menos de dous anos.

A Xunta mantén a súa proposta para rehabilitar o Pazo de Lourizán da man de Ence

Concretamente, a Deputación e a Xunta asinaron o primeiro convenio no ano 1990 e no ano 2000 prorrogouse o acordo mediante un segundo convenio de cesión da finca de Lourizán e as súas edificacións ata o 22 de xaneiro de 2021.

PROPOSTA DA XUNTA

O vicepresidente Alfonso Rueda insistiu na cámara galega que a Xunta mantén a súa proposta para rehabilitar o Pazo de Lourizán da man da empresa Ence, ao consideralo unha boa proposta para a administración pública desde o punto de vista económico, técnico e en canto á axilización de prazos.

A empresa pasteira financiaría gran parte dos traballos de recuperación do Pazo, destinando cinco millóns de euros para a rehabilitación e cinco máis para un centro de investigación, sen que se perdese a titularidade do inmoble.