A Deputación resta importancia ás denuncias de Agustín Fernández sobre Pasarón: "Iso é política barata"

Pontevedra
04 de abril 2014

"O primeiro que ten que facer o conselleiro de Deportes e poñerse de acordo co seu alcalde", dixo José Manuel Figueroa recalcando que "nun Concello quen manda é o alcalde"

Balóns de fútbol no estadio de Pasarón Concello de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Manuel Figueroa, referiuse ao anuncio feito polo concelleiro de Deportes en Pontevedra e secretario xeral local do PSOE, Agustín Fernández, que elevou o desfase das obras de Pasarón en dous millóns máis polo que acudiu á Fiscalía para que investigue este sobrecusto.

"O primeiro que ten que facer o conselleiro de Deportes e poñerse de acordo co seu alcalde", dixo José Manuel Figueroa recalcando que "nun Concello quen manda é o alcalde".

O vicepresidente da Deputación, insistiu en que o alcalde de Pontevedra "está totalmente dacordo" con todos os proxectos que se presentaron, coa consignacións orzamentarias e con todas as comisións, enumerou.

Figueroa acusou o concelleiro Agustín Fernández de "intentar manipular" á opinión pública fronte ao "realmente importante" que, ao seu xuízo, é que se dotou a Pontevedra dun estadio de futbol que é "exemplar". E destacou con "orgullo" que o propio Seleccionador Nacional, Vicente Del Bosque, gabou con nunha charla celebrada este xoves en Vigo o "precioso" que é o campo de Pasarón e que "cando viu aquí coa selección quedou realmente satisfeito xa que había un bó ambiente e o campo estaba en perfectas condicións".

O vicepresidente provincial apuntou que todas as comisións técnicas e políticas xa deron conta deste proxecto durante un proceso que foi "transparente e público".

"Para nós este tema está zanxado", dixo José Manuel Figueroa que remitiu a Agustín Fernández a que "solucione os seus problemas co alcalde ou co señor César Mosquera", xa que lle deron o visto e prace a este proxecto e acusou as declaracións do edil socialista de "política barata".