A Deputación remite a Feijóo unha carta con todos os investimentos provinciais realizados nos últimos 6 anos na cidade de Pontevedra

Pontevedra
15 de febreiro 2022

O deputado socialista Carlos Font enviaba esta carta ao presidente da Xunta coa listaxe de máis de 40 grandes obras, dotacións, equipamentos e actividades subvencionadas pola institución provincial. Tamén lembra a Núñez Feijóo que a Deputación investiu 59 millóns de euros no Príncipe Felipe e 15,5 millóns na Estación do Areeiro, lembrando que son espazos con competencias "exclusivísimas da Xunta"

Remate das obras de mellora da eficiencia enerxética no complexo de Príncipe Felipe Deputación de Pontevedra - Arquivo

Carlos Font, portavoz do grupo provincial socialista, enviaba este martes ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cinco folios nunha carta na que figuran máis de 40 grandes obras e unha extensa relación de dotacións, equipamentos, subvencións a políticas sociais e a iniciativas de emprego, turismo, igualdade, cultura ou deporte realizadas en Pontevedra con financiamento da Deputación. 

Con eles quere alertar ao máximo mandatario do executivo galego que "non volva faltar  estrepitosamente á verdade" cando nunha entrevista cuestionouse a existencia de investimentos provinciais na cidade do Lérez. "Nunca na historia da democracia, a Deputación acometeu tantos investimentos na cidade de Pontevedra como sucedeu nestes últimos 6 anos", indica Font na misiva.

Na carta, o deputado provincial expón os criterios obxectivos que marcan o financiamento da Deputación aos 61 municipios da provincia e contrapón estas actuacións coas que se realizaban antes do goberno bipartito (PSOE - BNG) cando Rafael Louzán era presidente da institución coa sucesión de convenios "de forma case exclusiva con concellos do PP,  discrimando aos restantes e prexudicando así a preto de 700.000 dos case 950.000 habitantes da provincia". 

Font fai referencia a investimentos provinciais en competencias propias da Xunta de Galicia e cita a celebración de grandes eventos deportivos internacionais, actividades culturais, sociais e económicas, con financiamento de actuacións no Museo de Pontevedra por valor de 37,5 millóns de euros; na Escola Universtiaria de Enfermería, con 4 millóns; ou a operación de rexeneración ambiental na Xunqueira de Alba, cun investimento de 3,6 millóns de euros.

Tamén indica que "mención á parte" merece o esforzo económico da  Deputación para financiar servizos que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia e cita os 59 millóns en seis anos que se destinaron ao Centro Príncipe Felipe, entre os que computa os 4,3 millóns de euros en obras de centros educativos como o de Educación Especial ou a rehabilitación do CEIP Daría González. Suma tamén a estes investimentos as realizadas na Estación Fitopatolóxica do Areeiro con 15,5 millóns de euros, a pesar de ser competencia da administración autonómica.

Pola contra, critica a ausencia da Xunta de Galicia en Pontevedra e lembra que segue sen executarse a Variante de Alba; 15 quilómetros de senllas peonís que non existen; o saneamento integral da ría; o novo pavillón de ximnasia da Parda ou o atraso das obras da Estación de Autobuses, entre outras.

Font finaliza lembrando os sete escritos enviados con anterioridade pedindo unha reunión institucional do presidente da Xunta coas deputacións e representantes das grandes cidades galegas.