A Deputación redacta un proxecto dun millón de euros para humanizar a estrada de Almofrei

Cerdedo-Cotobade
23 de xuño 2021

O inicio das obras queda pendente da execución de trámites municipais para a obtención do terreo e da firma dun convenio entre ambas as institucións para financiar o plan, que inclúe itinerarios peonís seguros ao longo do quilómetros e medio de trazado

O deputado Gregorio Agís presenta o proxecto de reforma da estrada de Almofrei ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela

Un proxecto valorado en 957.890 euros transformará a estrada provincial EP-0405 entre Xesteira e Almofrei a través da creación de vías seguras para os peóns na totalidade do trazado, que incluirá espazos de convivencia con plataformas elevadas nos puntos de maior presión residencial.

Trátase dunha actuación ambiciosa e encadrada dentro do modelo de mobilidade segura que promove a Deputación. Así o adiantou este mércores o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, na reunión que mantivo co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a quen entregou o proxecto de planta que recolle todos os terreos necesarios cuxa obtención debe xestionar o Concello.

Con este documento, a Deputación dá por finalizada a tramitación do proxecto e ofrece á administración municipal a posibilidade de asinar o convenio de financiamento da actuación, que recolle un 70% de achega da Deputación e un 30% para o Concello. Ademais, ambas as partes acordaron durante a reunión que a obra se executará nunha única fase.

Nun ambiente de cordialidade e cooperación institucional, Jorge Cubela, manifestou a súa satisfacción co proxecto elaborado pola Deputación e recalcou que cumpre completamente co acordado durante as conversacións mantidas ao longo dos últimos meses.

Por outra banda, o deputado Gregorio Agís suxeriu ao alcalde de Cerdedo-Cotobade que este Concello proceda á aprobación dun Plan de Movilidad Urbana Sostible, como fixeron a maioría de concellos da provincia para poder optar a fondos europeos no financiamento desta obra

Segundo o plan de aforos da Deputación, a estrada EP-0405 rexistra unha intensidade media de 484 vehículos ao día e coa execución desta obra, o vial converterase nun auténtico eixo integral de mobilidade no que os peóns teñen prioridade, seguidos dos ciclistas, o transporte público e, finalmente, o transporte en vehículo privado.

Unha proba disto é a inclusión de tres tramos de sendas peonís que totalizan ata 842 metros de lonxitude, dúas plataformas elevadas de convivencia que suman outros 280 metros e preferencia peonil ao paso polos núcleos e, finalmente, un tramo inicial de 380 metros dotado con cuneta tendida que tamén ofrece boas condicións para o tránsito de persoas.