A Deputación promove axudas para proxectos medioambientais e científicos nos centros educativos

Pontevedra
03 de maio 2019

Os proxectos deben estar integrados nas disciplinas de STEM e ter como obxecto promover o desenvolvemento de competencias, capacidades e aptitudes científicas e tecnolóxicas no estudantado de primaria e secundaria e promover o interese pola ciencia e tecnoloxía no alumnado  

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra Deputación Provincial

As iniciativas postas en marcha pola Deputación de Pontevedra para promocionar as carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e o seu seguimento en igualdade por alumnas mulleres e alumnos homes chegan agora aos centros educativos públicos da provincia da man dunha liña de axudas para o desenvolvemento de proxectos relacionados co medioambiente

A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, deu a coñecer este venres esta nova convocatoria de axudas, cuxas bases xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia e que se marcan como obxectivo "garantir unha provincia de futuro". 

Segundo deu a coñecer, poderán presentar solicitudes todos os centros escolares públicos, de educación primaria e secundaria da provincia, de maneira individual ou en conxunto, para desenvolver proxectos medioambientais dun grupo de alumnado.

Os proxectos deben estar integrados nas disciplinas de STEM e ter como obxecto promover o desenvolvemento de competencias, capacidades e aptitudes científicas e tecnolóxicas no estudantado de primaria e secundaria, promover o interese pola ciencia e tecnoloxía no alumnado a través de accións que faciliten o proceso de aprendizaxe e impulsar a participación activa do alumnado, así como do persoal docente e os centros de ensino. 

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o día 7 de xuño. O importe das subvencións será de 10.000 euros e suporán subvencionar ata un máximo do 60 % do seu custo.