A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera presentaron este venres o Plan de Investimentos Públicos para a Reactivación da provincia de Pontevedra que se eleva ata os 47,2 millóns de euros constituíndo "o maior investimento da historia da Deputación de Pontevedra".
O vicepresidente César Mosquera, destacou que "o noso orzamento, con esta incorporación, chega aos 215 millóns de euros" e valorou que "estamos francamente contentos" con esta proposta "polo que implica sacar adiante un plan destas dimensións".
Carmela Silva explicou que este Plan pretende dinamizar a economía e colaborar na recuperación PostCovid-19, activando "políticas anticíclicas, máis dotacións e equipamentos sostibles nos concellos e avanzando na consecución dos obxectivos da axenda 2030" e nas liñas mestras definidas para os fondos europeos Next Generation.
"Non queriamos esperar, porque a provincia de Pontevedra non pode esperar", insistiu Carmela Silva. "Queremos que o impacto na economía sexa xa, que os proxectos se desenvolvan en 2021", engadiu Mosquera.
Este Plan de Investimentos Públicos contempla dous programas. O primeiro é o denominado "ReacPon Deputación" dotado de 27,2 millóns de euros para transformar os servizos e as dotacións da propia administración provincial cos criterios de modernización, sustentabilidade, dixitalización. Financiarase con remanentes da institución que se aprobarán no próximo Pleno.
Os obxectivos deste plan son un maior investimento nas estradas provinciais (2 millóns de euros), un maior investimento nos concellos (3,4 millóns), unha aposta polo Museo de Pontevedra (4,4 millóns), a restauración ambiental da Xunqueira de Alba (3 millóns de euros), o Plan Revitaliza de compostaxe (2,3 millóns), a mellora enerxética e dixitalización das edificacións provinciais (600.000 euros), entre outros investimentos. Tamén unha maior aposta polo emprego e pola cohesión social, novos instrumentos para a dinamización cultural e deportiva, mecanismos para a implantación do teletraballo e a aposta pola cooperación transfronteiriza.
Mosquera indicou respecto diso que "o que imos facer no plan na Deputación é aplicar nesta administración todo o que estamos a aplicar aos concellos. Aproveitamos esta oportunidade para avanzar á par".
O segundo programa é "ReacPon Concellos" ao que se destinan 20 millóns de euros que requirirán dunha operación de endebedamento que tamén irá ao próximo pleno do mesmo xeito que as bases deste plan "vai como un foguete, queremos ir adiantando prazos". "É o momento de ser valentes e de poñer recursos ao dispor da cidadanía", sinalou Carmela Silva.
No "ReacPon Concellos" inclúense tres vías, a rehabilitación de edificios e instalacións municipais, a construción de novos equipamentos e dotacións e a recuperación, mellora, urbanización ou reurbanización de espazos públicos co obxectivo de darlles un uso plural e amable e de fomentar a estancia e as mobilidades alternativas.
César Mosquera indicou que "os concellos terán que cofinanciar en función do seu tamaño e capacidade económica".