A Deputación prepara a reforma e cesión ao Concello da Casa Barroca de Combarro como recurso turístico

Poio
20 de setembro 2022

O deputado Carlos Font informa da inscrición no Rexistro da Propiedade do inmoble e avanza o comezo dos trámites para a sinatura dun convenio

Julio Casas, Gregorio Agís, Carlos Font, Luciano Sobral e Silvia Díaz Deputación de Pontevedra

O futuro da Casa Barroca de Combarro vai camiño de despexarse definitivamente. A Deputación iniciou as conversas de cara á cesión gratuíta ao Concello de Poio co obxectivo de converter definitivamente este inmoble do conxunto histórico-artístico de Combarro nun recurso turístico e museográfico.

O deputado Carlos Font mantivo unha xuntanza co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e os tenentes de alcalde Silvia Díaz e Gregorio Agís, así como o concelleiro Julio Casás, na que informou dos pasos realizados para aclarar a titularidade e na que se acordou tamén a sinatura dun convenio para a cesión da Casa Barroca, incluíndo a súa reforma para corrixir o deterioro e deixala en perfectas condicións de habitabilidade. 

O deputado recalcou que "despejadas las cuestiones alrededor de la propiedad que se derivaban de la gestión que se hizo en etapas anteriores, abrimos un nuevo tiempo, con rigor y seguridad jurídica, porque compartimos los deseos del Concello de Poio". 

Font adiantou que a Deputación comeza agora a redacción do texto do futuro convenio interadministrativo, para sometelo aos preceptivos informes técnicos antes de que os plenos de ámbalas dúas Administracións procedan á súa aprobación. "No hablamos solo de una cesión, sino de la intención de la Deputación de acondicionar esta casa, así que el convenio debe recoger adecuadamente los deberes y obligaciones de las dos partes", aclarou. 

A Deputación vén de inscribir no Rexistro da Propiedade o inmoble da rúa de San Roque, 59, con planta de 72 metros cadrados e superficie total construída en dous andares de 133 metros cadrados. O trámite realizouse o pasado mes de maio despois de culminar a "depuración física y jurídica" do inmoble. Este trámite é unha obriga recollida expresamente no Regulamento de Bens das Entidades Locais con vistas ao alleamento, como é o caso, dado que se pretende entregalo ao Concello de Poio para a súa conversión nun recurso turístico. O expediente de "depuración" debe incluír, ademais, o deslinde e a inscrición rexistral en caso de que sexa necesario.

Durante o procedemento quedou acreditado que a Casa Barroca foi adquirida pola Deputación á súa anterior propietaria, en 1958. Dúas décadas despois, en 1978, o Pleno da Deputación cedeu o uso, de balde e en precario, ao Ministerio de Cultura para habilitar unha Casa da Cultura e unha Oficina de Turismo. Dende entón producíronse sucesivas circunstancias, con escasa ou nula documentación, respecto ás condicións do uso deste inmoble. Todo elo quedou superado coa inscrición no Rexistro.

O deputado tamén recalcou durante a xuntanza que a Deputación tan só ten a titularidade da Casa Barroca da rúa de San Roque, 59, e non ostenta ningún dereito sobre o inmoble adxacente coñecido tamén polo mesmo nome.