O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, informou este venres en rolda de prensa de que o goberno provincial mobilizará preto de 3,2 millóns de euros para patrimonio, servizos a concellos, cultura, turismo, medio natural e acción comunitaria.
Entre os asuntos aprobados, destinarán máis de 750.000 euros para o Plan +Provincia, do que se beneficiarán os concellos de Ponte Caldelas, Cambados, Valga, O Grove, Tui e Salceda de Caselas.
Esta axuda permitiralles poñer en marcha proxectos de mellora de camiños, rehabilitación de espazos culturais ou de parques infantís, entre outros.
No caso dos festivais musicais e de artes escénicas, a Deputación destinará 165.000 euros para que 14 entidades de 9 concellos da provincia poidan organizalos.
Neste sentido, as 14 organizacións sen ánimo de lucro de Mos, Cangas, A Estrada, Ponteareas, Redondela, Salvaterra de Miño, Tui, Vigo e Vila de Cruces poderán recibir axudas de entre 5.000 e 20.000 euros para realizar festivais de teatro, música de diferentes estilos, marionetas, poesía...
O goberno provincial tamén acordou a aprobación de 14 axudas que oscilan entre os 1.300 e os case 12.000 euros ao patrimonio marítimo fluvial.
En total serán 100.000 euros dos que se beneficiarán asociacións de Poio, Sanxenxo, Cambados, A Illa de Arousa, O Grove, Cangas, Nigrán e Vigo. Poderán realizar traballos de rehabilitación de embarcacións tradicionais, aparellos de pesca e outros elementos marítimos e construcións e instalacións en terra.
Tamén ampliarán os recursos do CAAN algo máis de 130.000 euros, adxudicarán a prestación dun asistente conversacional intelixente na web de Turismo Rías Baixas por 200.000 euros e destinarán 220.000 euros ao programa +Benestarpara que persoas maiores de 55 anos poidan acceder a balnearios, talasos ou spas da provincia.