O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou en rolda de prensa de que a Xunta de Goberno acaba de aprobar o expediente de licitación das obras de mellora da seguridade do tráfico rodado e peonil na estrada de Almofrei, no concello de Cerdedo-Cotobade.
Esta actuación suporá mobilizar 946.599 euros para actuar na totalidade dos 1,5 quilómetros que ten de trazado esta vía.
O proxecto de mellora da EP-0405 A Xesteira-Almofrei contempla a construción dunha nova senda peonil dun quilómetro na marxe esquerda da vía, de 2,5 metros de ancho, na que se limitará a velocidade a 30 km/h e tamén se crearán zonas de convivencia, de preto de 300 metros de lonxitude, onde terán prioridade os peóns naqueles tramos onde non se pode executar a senda nas que ademáis a velocidade máxima será de 20 km/h.
O proxecto de transformación tamén inclúe a aplicación dunha nova capa de rodadura e o emprego de novos paquetes de firme para ampliar a plataforma nas zonas de convivencia.
Como actuacións complementarias, a Deputación de Pontevedra tamén acometerá a mellora da drenaxe e a canalización para soterrar a rede de alumeado nas zonas de convivencia.
A Deputación conseguiu unha achega do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) dentro do programa DUS-5000 por importe de preto de 700.000 euros, polo que máis do 70% da actuación será financiada con recursos de Europa. O importe restante asúmeo a institución provincial, que achega preto de 200.000 euros, e o Concello de Cerdedo-Cotobade, que destina preto de 80.000.