A Deputación mobiliza máis de dous millóns de euros para a provincia

Pontevedra
11 de agosto 2023

"Hoxe volvemos ter aquí grandes noticias para a provincia", indicou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López ao dar conta en rolda de prensa dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno provincial  

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

"Hoxe volvemos ter aquí grandes noticias para a provincia", indicou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López ao dar conta en rolda de prensa dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno provincial.

Por unha banda, deuse luz verde a unha inxección económica de 140.000 euros destinada ao Concello de Salvaterra para a reparación dos danos causados polas inundacións do último inverno. Estas actuacións executaranse en sete lugares pertencentes a seis parroquias deste municipio.

Ademais, a Deputación de Pontevedra dedica 410.000 euros ao "fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero". Por unha banda, repártense axudas a 49 concellos cunha contía de 260.000 euros, e tamén 150.000 euros para 29 entidades sen ánimo de lucro con sede en 11 concellos.

Con esta liña de axudas, as entidades sociais poderán presentar proxectos de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; atención integral a vítimas da violencia machista, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; ou actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades, entre outras actividades.

A Deputación de Pontevedra tamén aprobou unha orde de axudas de 90.000 euros que irán destinadas a apoiar a actividade de escolas de música da provincia xestionadas por asociacións sen ánimo de lucro. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva na que se terá en conta o número de alumnos, de docentes ou o orzamento da escola, especialidades impartidas, entre outros factores.

ERASMUS +

O presidente da Deputación de Pontevedra tamén informou da aprobación do proxecto que presentou esta administración provincial á convocatoria de propostas do programa europeo Erasmus +, para que estudantes recentemente titulados de Formación Profesional poidan participar neste programa de mobilidades europeas que lles axudará na súa integración no mundo laboral a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras. 

A través desta iniciativa prevense realizar ata 90 mobilidades de seis meses para o alumnado e 10 mobilidades de aprendizaxe de docentes e persoal en países como Alemaña, Bélxica, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Islandia, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Romanía ou calquera outro que estea integrado no programa Erasmus+. 

O xestor deste programa europeo Erasmus+ en España, o SEPIE, acrónimo do Servizo Español para a Internacionalización da Educación, concedeu a Deputación de Pontevedra 1,2 millóns de euros para este programa mentres que a institución provincial achega 200.000 euros son achegados de fondos propios da Deputación de Pontevedra.

DEPOTERMAL

Por último, a Xunta de Goberno Provincial deste venres adxudicou as prazas para as 2.447 persoas que van participar no programa "Depotermal", unha iniciativa que ten como finalidade fomentar o envellecemento activo en balnearios, talasos ou spa da provincia. 

A iniciativa ten a finalidade fomentar o envellecemento activo para mellorar a calidade de vida das persoas participantes e tamén pretende dinamizar a economía mediante o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

O plan "Depotermal" conta con dúas modalidades: unha de asistencia diaria a balnearios durante cinco mañás ou tardes consecutivas (700 prazas) e outra con pernoita en réxime de pensión completa, de domingo a venres (con 1.800 prazas).