A Deputación informa á veciñanza da situación da estrada de Almofrei

Cerdedo-Cotobade
02 de marzo 2019

O responsable de Mobilidade explicou que a Deputación ten as portas abertas a realizar unha mellora da vía diferente á defendida polo alcalde

O deputado Uxío Benítez reúnese cos veciños de Cotobade para aclarar a situación da estrada de Almofrei Deputación de Pontevedra

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse este venres cunha representación da veciñanza de Almofrei (Cotobade) para "aclarar" a situación da estrada provincial EP-0405 Xesteira-Almofrei, para a que se está a solicitar unha reforma.

Benítez explicou que o actual goberno da Deputación ten as portas abertas a realizar unha mellora integral da vía seguindo os criterios de mobilidade actuais que fomentan a mobilidade peonil, e apostan polo calmado de tráfico e a seguridade viaria, pero insistiu en que descarta totalmente o proxecto que propoñía o anterior presidente provincial e que defende o alcalde Jorge Cubela.

O nacionalista asegurou que, se o Concello insiste en defender a anterior proposta, a Deputación tamén está disposta a pasar a titularidade da vía ao municipio para que o goberno local poida facer nela a reforma que considere oportuna cos cartos que se lle envían a través do Plan Concellos.

Benítez tomou a decisión de reunirse cos representantes veciñais logo da polémica xurdida pola reforma desta vía, comprometida polo goberno de Rafael Louzán en 2015 despois das eleccións nas que perdeu a presidencia da Deputación. O deputado explicou aos veciños presentes que, á súa chegada, o actual goberno detectou que o proxecto tiña eivas de autorizacións sectoriais e tomou a decisión de paralo administrativamente, xa que tampouco coincidía cos novos criterios que se ían aplicar na rede de estradas provinciais de evitar ampliacións de plataforma e cambios de trazado en vías de tránsito menor.

O nacionalista confirmou que a decisión de parar o anterior proxecto foi comunicada ao alcalde, a quen se lle plantexou un posible cambio de formato da actuación na estrada ou a posibilidade de realizar un investimento noutra vía provincial dentro do concello, sempre seguindo os novos criterios de Mobilidade. Entón, lembrou Benítez, o rexedor manifestou a súa intención de "aparcar" o proxecto para Almofrei e priorizar o investimento da Deputación para mellorar o núcleo de A Chan.

O deputado de Mobilidade, neste sentido, manifestou aos veciños o seu malestar polo feito de que o alcalde priorizase a actuación no núcleo de A Chan, pero publicamente criticase a falta de actuacións na estrada de Almofrei, confundindo á cidadanía da zona cunha reclamación que el mesmo considerara secundaria.

Ademais, o deputado explicou que a Deputación, dentro do seu Plan de Renovación de Firmes incluíu a estrada EP-0405 para rehabilitar as zonas do asfalto en mal estado –uns 4.200 metros cadrados- co fin de sanear e renovar a capa de rodadura por cuestións de mantemento e seguranza viaria. Estas obras de mantemento, dixo Benítez, estaban programadas para garantir a correcta conservación da vía por parte da Deputación, e de forma independente a calquera outro proxecto que se puidese realizar na estrada.