A Deputación impulsa un plan para mellorar as paradas de bus e fomentar o transporte público

Pontevedra
06 de setembro 2022

Esta administración provincial xestiona un viario de 1.625 quilómetros repartidos en 368 estradas e con este plan "Apearse" faranse estudos da implantación de zonas específicas de parada do autobús, crearanse zonas de estancia para peóns e conectarase as paradas existentes con itinerarios peonís

Carmela Silva e Gregorio Agís en rolda de prensa Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, presentaron este martes "Apearse", un plan de seguridade peonil incluído no Plan Estratéxico de Vías Provinciais, para mellorar as paradas de bus e fomentar o transporte público.

Esta administración provincial xestiona un viario de 1.625 quilómetros repartidos en 368 estradas e con este plan "Apearse" faranse estudos da implantación de zonas específicas de parada do autobús, crearanse zonas de estancia para peóns e conectarase as paradas existentes con itinerarios peonís.

Carmela Silva sinalou que este é "un proxecto moi ambicioso" que está "pensado para a seguridade das persoas" que ten como obxectivos reducir o risco de atropelos e de colisións con autobuses, mellorar a accesibilidade das paradas, ademáis do fomento do transporte público.

Este mesmo mércores, dende a Deputación de Pontevedra enviarán cartas aos 61 concellos solicitando aos responsables municipais a súa colaboración con este plan "participativo" e lles pedirán que indiquen catro propostas de paradas prioritarias a mellorar, tendo en conta que serán os concellos os que teñan que poñer a disposición os terreos que se van ocupar. 

"Temos localizados os puntos pero os concellos son quen mellor coñecen o territorio", sinalou a presidenta ao tempo que recordou que "as nosas vías conviven con espazos non da nosa titularidade". 

Gregorio Agís explicou que para crear espazos seguros para as persoas a Deputación traballará "en cooperación cos concellos, igual que o Plan Móvese, para establecer prioridades".

Por último, a presidenta da Deputación de Pontevedra indicou que "queremos comezar a actuar xa en 2023". O orzamento inicial deste plan é de 4 millóns de euros a desenvolver en varias anualidades.

Carmela Silva tamén aproveitou a comparecencia para anunciar que este mércores asinará en Madrid coa ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Raquel Sánchez o apoio do Goberno central ao desenvolvemento da axenda urbana da Deputación de Pontevedra.