A Deputación estrea a web do Plan Revitaliza para achegar a compostaxe á cidadanía

Pontevedra
27 de setembro 2018

Segundo as estimación que manexa o goberno da Deputación, a final de ano a compostaxe chegará ao 10% da poboación e César Mosquera asegura que o obxectivo de chegar ao 50% da provincia no 2020 "poderase cumprir"

Presentación da nova web do Plan Revitaliza PontevedraViva

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra vén de estrear unha nova páxina web para achegar a compostaxe á cidadanía.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, explicou que a nova páxina web pretende dar "maior divulgación" e "completar" o traballo que están a facer tanto o persoal técnico provincial, mestres composteiros, como asociacións nos concellos adheridos, facilitando información, vídeos e documentación sobre que é a compostaxe, as súas vantaxes, ou a maneira de participar para a cidadanía, entre outras cuestións.

"Era necesario e inevitable polos tempos nos que estamos dar información actualizada, precisa, de calidade e simple a través dunha plataforma dixital, cunha páxina web", subliñou.

O vicepresidente Mosquera destacou que entre finais deste ano e principios do 2019, unha vez se despleguen os composteiros comunitarios e individuais da Deputación e dos concellos Revitaliza (Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, O Grove e Pontevedra) a cifra de veciños e veciñas que compostan na provincia ascenderá a 85.000 persoas: 25.000 por vía individual e 60.000 en composteiros comunitarios.

A nova web terá dous posibles accesos directos www.revitaliza.depo.gal e www.revitaliza.gal, ademais de estar enlazada coa páxina web oficial da Deputación www.depo.gal

"Esta web é moi interesante no seu contexto, agora que o Revitaliza vai vento en popa", dixo Mosquera que sinalou que o plan xa pasou a fase demostrativa e "en breve a compostaxe será o sistema maioritario na provincia".

Segundo as estimación que manexa o goberno da Deputación, a final de ano a compostaxe chegará ao 10% da poboación e César Mosquera asegura que o obxectivo de chegar ao 50% da provincia no 2020 "poderase cumprir".

Neste proceso, no día de onte se celebrou o primeiro exame do concurso-oposición para a selección de persoal destinado aos concellos Revitaliza. Só 26 persoas pasaron o corte para poder facer a seguinte proba, consistente nunha entrevista persoal.

Os postos ofertados de mestres composteiros constituirán unha categoría de empregados nivel C1 dentro da relación de postos de traballo dos concellos solicitantes e desenvolverán, entre outras tarefas, a revisión e control dos centros de compostaxe comunitarios distribuídos na provincia.

A cobertura dos postos de traballo en cada concello efectuarase segundo a orde de puntuación acadada nas probas, que determinará a bolsa de emprego. Unha vez concluídos os procesos selectivos os aprobados de maior nota serán nomeados funcionarios interinos polos concellos. Os restantes candidatos, pola orde da puntuación obtida, poderán ser chamados se concorren renuncias ás prazas, pasando a formar parte dunha lista de reserva.