O vicepresidente da Deputación de Pontevedra e responsable político do Museo provincial, César Mosquera, avanzou este venres que o obxectivo é iniciar a rehabilitación dos edificios centrais do Museo para mediados de 2022.
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, Mosquera informou que o proxecto da primeira fase da reforma estará listo o próximo mes de novembro e que a apertura da licitación prevese para final deste ano continúase o ritmo previsto.
Mosquera indicou que o orzamento da actuación roldará os seis millóns de euros. A Deputación vai solicitar fondos europeos para mellorar as instalacións do Museo, motivo polo que se está preparando toda a tramitación para cando se abra a convocatoria.
Nunha primeira fase realizarase a rehabilitación dos edificios de Castro de Monteagudo e García Flórez, así como a súa conexión soterrada simple. Deixarase para unha segunda fase, a expensas de conseguir máis financiamento e do destino do Convento de Santa Clara, a rehabilitación do edificio Fernández López, único inmoble da mazá central que quedaría sen rehabilitar.
Unha parte dos inmobles destinarase a zona didáctica e a outra a espazo expositivo.
A Deputación contratou unha nave en Ponte Caldelas, por mil euros ao mes, para gardar todo o material non expositivo que hai nos edificios Castro Monteagudo e García Flórez co obxectivo de baleiralos para a súa reforma. Trataríase de elementos como vitrinas, andeis e elementos similares –ningún tipo de peza artística ou de valor- que precisaban ser almacenados por ser aínda de utilidade.
SANTA CLARA
Sobre a posible incorporación do Convento de Santa Clara como edificio do Museo o vicepresidente da Deputación de Pontevedra mostrouse cauto, xa que nestes momentos os trámites da compra por parte do Concello da capital aínda non están pechados e tampouco foi posible analizar os terreos e instalacións para ver se son viables como espazo para a institución museística.
"A previsión é que é un bo espazo, pero claro non está. Eu persoalmente penso que si, pero con solucións imaxinativas, só é unha hipótese", subliñou.