A Deputación esixirá á Xunta que restaure o Pazo de Lourizán

Pontevedra
16 de febreiro 2017

A presidenta da Deputación cuestionou que Ence fose a facer un centro "de referencia no mundo mundial" cun investimento de só 5 millóns de euros nunhas instalacións de 370 metros cadrados, con cinco investigadores e cinco bolseiros. "Falamos dun proxecto menor, con escasos recursos por moita paixón que o PP demostre por el", dixo Carmela Silva

Reunión entre a Xunta e a Deputación para falar do Pazo de Lourizán Mónica Patxot

O deputado do PP e voceiro do grupo popular no Concello de Pontevedra, Jacobo Moreira lamentou este mércores no Parlamento galego que "a irresponsabilidade política de BNG e PSOE poñan en risco un investimento de 10 millóns de euros para rehabilitar o degradado Pazo de Lourizán e crear neste inmoble un centro de I+D ". 

Moreira criticou o "cambio de postura" do BNG respecto deste proxecto, "ao anunciar primeiro que non ían poñer impedimentos ao que propuxera facer a Xunta no Pazo de Lourizán e poucos días despois opoñerse á rehabilitación deste inmoble".

Ao fío deste debate parlamentario, a presidenta da Deputación, Carmela Silva expresou a súa "sorpresa" e asegurou estar "escandalizada" porque o Partido Popular converteuse en "portavoz dunha empresa privada" e tirou de retranca ao dicir que "non sabía que o señor Moreira fose membro do Consello de Administración de Ence".

A presidenta da Deputación tamén cuestionou que Ence fose a facer un centro "de referencia no mundo mundial" cun investimento de só 5 millóns de euros nunhas instalacións de 370 metros cadrados, con cinco investigadores e cinco bolseiros, segundo consta no proxecto presentado pola empresa pasteira e trasladado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

Carmela Silva lembrou que "alguén" chegou a falar da creación de 750 empregos, unha cifra que este mércores repetía o presidente da Cámara de Comercio, pero no documento de Ence só se fala de 10, "quen fai estas afirmacións mente", sentenciou. 

"Hoxe chamáronme de Silicon Valley porque están atentísimos a este milagre", chanceou a presidenta.

"Falamos dun proxecto menor, con escasos recursos por moita paixón que o PP demostre por el" e aínda que ENCE asegure agora "que non quere usar o pazo", Carmela Silva desvelou que "o propio vicepresidente Rueda e a conselleira nos din que si utilizarían os salóns para desenvolver actos, xornadas e eventos". "En que quedamos, queren usar o pazo ou non?", pregúntase Silva.

O que din desde a Deputación é que se cumpra o convenio "e como alí aparece que cre un centro de I+D cos 25 millóns de euros que xa estaban contemplados no 2008 e que o propio Partido Popular esixíalle por aquel entón á Xunta de Galicia". Así llo pedirá na próxima reunión ao presidente da Xunta de Galicia, xunto coa rehabilitación do pazo á que "están obrigados", lembrou.