A Deputación encarga camelias a un investigador chinés para facer os mellores tés

Pontevedra
28 de febreiro 2017

A Deputación de Pontevedra pediu ao prestixioso profesor do Instituto de Investigación de Silvicultura Subtropical e Arquitectura de Paisaxes, Gao Yiyin, distintas variedades de camelia con propósitos turísticos e comerciais

Camelia en flor Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra pediu ao prestixioso profesor do Instituto de Investigación de Silvicultura Subtropical e Arquitectura de Paisaxes, Gao Yiyin, distintas variedades de camelia con propósitos turísticos e comerciais.

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, recibiu este martes a este recoñecido catedrático chinés que se atopa estes días nas Rías Baixas para participar en congreso internacional Camelia e Paisaxismo, que se celebrará no Pazo de Rubiáns.

A Deputación quere aproveitar as investigacións que levou a cabo Gao Yiyin para plantar nas Rías Baixas algúns híbridos de variedades de camelia que florecen en agosto e duran con flor ata decembro. Detrás desta iniciativa atópase o interese por impulsar o potencial turístico relacionado coa camelia "para ofrecer flor todo o ano".

Gao Yiyin aceptou o desafío e as Rías Baixas serán o primeiro lugar fóra de China no que se planten estes híbridos, segundo anunciou Carmela Silva.

Carmela Silva lembrou que cada vez son máis os turistas nacionais e estranxeiros que viaxan cada ano a Galicia para gozar desta flor de orixe asiática. "A camelia é un elemento de atracción de visitantes espectacular", sostén a presidenta provincial salientando o feito de que se trata de "turistas cunha enorme capacidade adquisitiva".

Outro dos obxectivos da Deputación é impulsar o desenvolvemento doutros produtos derivados, como é o aceite de camelia ou o té. Neste sentido, a Gao Yiyin tamén se lle pediu que envíe á Estación Fitopatolóxica do Areeiro variedades de camelia que teñan unha recoñecida calidade para a creación de tés.