A Deputación e o CSIC colaborarán para dar solucións á emerxencia climática

Pontevedra
29 de novembro 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo este venres unha reunión coa presidenta do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Rosa María Menéndez, para abordar liñas de colaboración na busca de solucións á emerxencia climática do planeta

Felipe Criado, Carmela Silva, Rosa María Menéndez e Antonio Casas de Ron

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo este venres unha reunión coa presidenta do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Rosa María Menéndez, para abordar liñas de colaboración na busca de solucións á emerxencia climática do planeta.

"Un eixo totalmente prioritario na axenda do goberno provincial", destacou a presidenta provincial.

Silva e Menéndez acordaron un marco de colaboración en investigación arqueolóxica e biodiversidade. 

Ao encontro tamén asistiron o delegado institucional do CSIC, Antonio Casas de Ron, e o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), Felipe Criado.

"As administracións temos a obriga de impulsar e apoiar medidas para frear a crise climática, é urxente e imprescindible actuar xa", salientou a presidenta provincial no seu compromiso coa protección do medio ambiente.

En concreto, acordouse a ratificación dun acordo para o fomento da investigación arqueolóxica na provincia de Pontevedra, ligado ao Centro de Xestión Arqueolóxica de Liñares, para consolidar e avanzar na liña de investigación sobre a Idade de Ferro I e o papel das Rías Baixas na conexión entre o mundo atlántico e mediterráneo.

Por outra banda, para cumprir cos obxectivos da Axenda 2030 e dar solucións á emerxencia climática, ambas presidentas fixeron fincapé na importancia da investigación no campo da biodiversidade. E tamén se abordou o papel que poden xogar nesta loita contra o cambio climático os centros do CSIC en Pontevedra, a Misión Biolóxica de Galicia, o Centro de Investigacións Mariñas e o Buque Oceanográfico Sarmiento de Gamboa.

Neste eido, o primeiro paso será a aprobación en xaneiro dun acordo de colaboración bianual para a investigación en cultivos agrícolas e forestais coa finalidade de fomentar os cultivos sostibles e saudables. 

Por último, Carmela Silva aproveitou para felicitar a Rosa Menéndez polo seu papel como vicepresidenta do Alto Organismo Europeo de Centros de Investigación e pola "importante labor que está a facer no CSIC na promoción das mulleres nos órganos de xestión e decisión do órgano estatal".