A Deputación e a Xunta xa están a falar da transferencia dos equipamentos educativos de Príncipe Felipe

Pontevedra
27 de xaneiro 2023

Trataríase do traspaso do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, do Colexio de Educación Infantil e Primaria Daría González García e do Centro de Educación Especial

Cidade Infantil Príncipe Felipe Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a administración provincial está a abordar coa Xunta de Galicia máis transferencias.

"Estamos a falar xa para transferirlle á Xunta os equipamentos educativos que temos en Príncipe Felipe e parece que hai boa disposición", dixo a presidenta.

Trataríase do traspaso do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, do Colexio de Educación Infantil e Primaria Daría González García e do Centro de Educación Especial.

"Están moi interesados en que o Carlos Oroza o transfiramos, estamos nese labor, pero nós tamén dicimos que temos que transferir o CEIP Daría González e tamén o Centro de Educación Especial e ten que facerse cargo a Xunta de Galicia", confirmou a presidenta.

A titular do goberno provincial engadiu que "creo que imos poder asinar un protocolo" no que ambas as administracións establezan o sistema para facer posible este cambio de titularidade e dixo que confía en que, do mesmo xeito que está a pasar co proceso de transferencia do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantería, "tamén aí iriamos por bo camiño".

Carmela Silva insistiu en que "ten que facerse cargo a Xunta de Galicia" de todos estes centros educativos e engadiu que "temos que seguir falando de todo o que ten que ver con menores" xa que "se hai algo que é competencia exclusivísima das comunidades autónomas é a atención a menores". 

Pero Carmela Silva non se detén así e tamén engade a esa listaxe de posibles transferencias de dous centros de investigación "de altísimo nivel" como son a  Estación Fitopatolóxica do Areeiro e a Finca de Mouriscade.

"Non entendo que a Xunta non queira que fagamos esa transferencia", dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra xa que ao sumar estes centros "poderían presumir de que algo fan ben".