A Deputación de Pontevedra financiará con máis de 300.000 euros os traballos para a mellora da accesibilidade peonil na rúa Alameda da Lama.
A obra, valorada nun total de 336.000 euros, servirá para a mellora da accesibilidade peonil na rúa e que esta céntrica vía ofreza unha imaxe máis coidada e adaptada aos novos tempos.
A intervención consistirá na substitución do pavimento actual de asfalto por outro de lousas de granito para a zona peonil e de formigón para as zonas de uso mixto.
Ademais, adoptaranse medidas para reducir a velocidade dos vehículos, crearase unha plataforma única que dará prioridade á mobilidade peonil, delimitaranse as zonas de aparcamento, ampliaranse as beirarrúas, plantaranse novas árbores, instalaranse novos elementos de mobiliario urbano e adaptarase a iluminación á contorna.
O presidente provincial, Luis López, recibiu o martes no seu despacho do Pazo Provincial ao alcalde da Lama, David Carrera, para asinar un convenio de colaboración que fará posible esta actuación.
Este convenio de colaboración está enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) e a Deputación pagará o 90 % do orzamento dos traballo. O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante (30.000 euros).
A Deputación sinala que este convenio é un novo exemplo do "municipalismo que rexe a acción de goberno" da Deputación, que neste caso permitirá á veciñanza da Lama "gozar dun espazo ao aire libre renovado e no que os peóns serán os protagonistas".
As obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025.