A Deputación destina outros 5,2 millóns de euros en recursos para os concellos

Pontevedra
27 de maio 2022

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva informou que este venres en Xunta de Goberno aprobáronse 5,2 millóns de euros en recursos para os concellos "que van permitir seguir transformando a provincia"

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra Deputación Provincial

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva informou que este venres en Xunta de Goberno aprobáronse 5,2 millóns de euros en recursos para os concellos "que van permitir seguir transformando a provincia".

Concretamente, 2,1 millóns de euros corresponden ao Plan Concellos e que teñen como destinatarios cinco municipios: Sanxenxo, A Estrada, Nigrán, A Cañiza e Forcarei "para financiar importantes actuacións de humanización ou de mellora viaria".

No caso de Sanxenxo a achega é de preto dun millón de euros para custear a humanización da praza pública de Vilalonga suprimindo o tráfico interior, ampliando a zona infantil e creando unha barreira cunha bancada perimetral entre o espazo público e a estrada autonómica PO-550. Carmela Silva expresou a súa satisfacción polo feito de que os concellos "están agora preparando proxectos que teñen que ver co noso modelo de mobilidade".

O Goberno provincial tamén aprobou este venres a colaboración con 36 concellos de menos de 50.000 habitantes "todos os que solicitaron estes recursos" para o proxecto 'Primeira experiencia profesional'. Esta iniciativa ten un orzamento de 1,2 millóns de euros.

Este plan ten por obxecto facilitar que as persoas tituladas universitarias ou de ciclos superiores e medios de formación profesional poidan acceder, dentro da provincia, a unha primeira experiencia laboral, co fin de adquirir a práctica profesional adecuada ao nivel de estudos cursados e facilitar a súa inserción laboral no mercado de traballo.

Esta experiencia laboral adquirirase mediante a formalización de contratos laborais en prácticas ou formativos. Para o seu desenvolvemento a Deputación contará coa colaboración dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra e tamén poderá contar coa colaboración de entidades privadas da provincia que, xunto coa Deputación no desenvolvemento do seu propio programa, son as que contratarán ás persoas tituladas que resulten seleccionadas.

#ENRUTACOADEPO E #CONECTADAS

Na Xunta de Goberno Provincial tamén aprobou destinar 800.000 á posta en marcha dos programas ‘En ruta coa Depo 2022’ e ‘Conectadas 2022’.

A Deputación de Pontevedra oferta este ano a través do programa  ‘En ruta coa Depo 2022’ un total de 20.000 prazas dirixidas a entidades sociais da provincia interesadas en realizar roteiros de convivencia, lecer e tempo libre en 32 espazos emblemáticos da provincia.

O programa ‘Conectadas 2022’ vai destinado a asociacións, federacións e fundacións sen fins de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres e que apoien o seu desenvolvemento e apoderamento, o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Por último, Carmela Silva tamén engadiu que tamén aprobaron 250.000 euros para as oficinas da rede de información de Turismo Rías Baixas. Moitas delas terán desde este verán ferramentas dixitais para ofrecer un servizo personalizado "e obter datos que nos permitirán adaptar a nosa planificación".

Ademais, informou que esta semana se desenvolverá un ‘famtrip’ con blogueiros polos Camiños Portugués e o Camiño pola Costa. Trátase dunha viaxe de cortesía para que poidan vivir a experiencia deste destino turístico en primeira persoa.