A Deputación destina máis de 135.000 euros para renovar redes de abastecemento en Sanxenxo

Sanxenxo
28 de outubro 2018

O deputado de Cooperación, Carlos López Font, informou da aprobación, mediante resolucións presidenciais, de tres novos investimentos no concello de Sanxenxo por un valor total de 135.566,24 euros ao abeiro do Plan Concellos

Obras de saneamento en Caneliñas Concello de Sanxenxo

O deputado de Cooperación, Carlos López Font, informou da aprobación, mediante resolucións presidenciais, de tres novos investimentos no concello de Sanxenxo por un valor total de 135.566,24 euros ao abeiro do Plan Concellos.

Trátase, nesta quenda, dunha axuda de 47.654 euros para a prolongación da rede de abastecemento de augas dende Buezas (Nantes) ata Aldariz (Padriñán); outra achega de 33.272,58 euros para o subministro e instalación de bombas de bombeos de augas residuais de A Revolta (Noalla) e A Arnosa (Vilalonga); e outro investimento de 54.639,46 euros para a instalación da rede de saneamento de augas residuais no lugar de Canelas (Portonovo).

Ademais destas cantidades, o goberno provincial a través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio.

En concreto, 796.349,34 euros na liña 1 destinados a financiar o subministro de equipamento informático para renovación e adecuación á administración electrónica; a adecuación da edificación e parcela Casa Don Fernando (Portonovo) para darlle uso de Casa de Xuventude; instalación dun colector de saneamento de augas residuais e tubería de abastecemento de auga; reforma integral da zona deportiva parque municipal O Espiñeiro; renovación do firme nos viais camiño das Salinas, camiño Costiña e Fonte de Ons; subministro de módulos mixtos prefabricados para salvamento e aseos de praias; e a pavimentación e dotación de abastecemento de auga en viais municipais.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra adxudicou 58.000 euros para financiar o Entroido 2018, Sanxenxo no Verán 2018, e as festas patronais de San Xenxo e Santa Rosalía. Amais, outros 259.671,82 euros foron destinados á financiación da contratación de 43 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego.

O goberno de Carmela Silva destina este ano a Sanxenxo, a través do Plan Concellos, un total de 1.972.572,74 euros, un 76,20% máis que en 2017.