A Deputación destina 3,2 millóns de euros en subvencións deportivas e investimentos municipais

Pontevedra
07 de xuño 2024

O presidente Luis López tamén anunciou que, a partir de 12 de xuño, a Deputación de Pontevedra vai poñer ao dispor dos concellos a aplicación móbil ‘Meu Concello’ para xestionar incidencias

 

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López deu conta dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno Provincial na que se mobilizaron 3,2 millóns de euros para subvencións deportivas e investimentos municipais. 

Enmarcado no Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o goberno provincial destina 85.000 euros para que o Concello de Cambados substituya a cuberta do pavillón polideportivodo Pombal no que había unhas pingueiras importantes que condicionaban a práctica deportiva e dificultaban o uso normal destas instalacións.

Ademais foron aprobadas as bases das liñas de subvencións para clubs náuticos por 500.000 euros. Os de piragüismo repartiranse 280.000 euros, os de remo 145.000 e a vela 75.000 neste ano.

Cada club poderá recibir un máximo de 25.000 euros ou ata o 40% do orzamento que presente. Poden subvencionarse os gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo e gasto sanitario. 

Ademais a Deputación aprobou outra liña de axudas para competicións deportivas. Son 600.000 euros para clubs que participan en competicións de ámbito inferior a estatal cun máximo de 3.000 euros por club. E outros 50.000 euros máis para competicións de fútbol da Preferente Galicia grupo sur: máximo de 5.000 euros por club.

2 MILLÓNS DE EUROS DO PLAN +PROVINCIA

A Deputación de Pontevedra tamén acordou este venres destinar 2 millóns de euros para que os Concellos do Porriño, Poio, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Silleda e Tui impulsen novos investimentos dentro da liña 1 do Plan +Provincia. 

Luis López indicou que poderán destinar estes recursos, entre outras iniciativas, a "mellorar equipamentos deportivos e realizar diferentes actuacións en vías e camiños municipais". Con estas novas achegas, o goberno provincial xa leva aprobados 32 millóns de euros dos 48,2 dos que está dotado este programa pensado "para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes".

APP MEU CONCELLO

Por último, Luis López anunciou que, a partir do 12 de xuño, a Deputación de Pontevedra vai poner a disposición dos concellos a aplicación móvil Meu Concello para xestionar incidencias. 

A través desta canle directa de comunicación, a veciñanza pode poñer en coñecemento do Consistorio aqueles desperfectos que detecten na súa localidade. Grazas a esta ferramenta de participación cidadá, o Concello poderá coñecer as necesidades do municipio e así poder dar solución ás cuestión comunicadas.

Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da APP Meu Concello. Para iso, a persoa usuaria accede a Google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada no seu Smartphone (Android /iOS). Unha vez localizada, lévase a cabo a descarga de forma gratuíta. Posteriormente deberase selecciona o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia, e a partir dese momento, xa comeza a funcionar o servizo de forma gratuíta, rápida e sinxela.

Para comunicar unha incidencia, basta con pinchar sobre o botón "Nova incidencia". Un despregable coas diversas tipoloxías aparece na pantalla, e a persoa usuaria selecciona a que quere comunicar. De forma automática, a aplicación detecta as coordenadas exactas nas que se ubica o desperfecto, e o seguinte paso é engadir unha foto da incidencia e observación sobre a mesma. A partir de aí, unha vez enviada, o persoal do Concello recibe notificación do desperfecto comunicado, e xa se inician os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán ou cidadá recibe á súa vez notificación no teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado, e tamén pode facer seguimento da situación na que se atopa a mesma a través do botón de "Enviadas".

Ademais de comunicar a incidencia, a cidadanía pode acceder á información propia do municipio ao igual que aos puntos de interese do mesmo. A través do botón "Noticias e Alertas" tamén se ofrecerá información en tempo real de todas as comunicacións que o Concello emita.