A Deputación destina 250.000 euros ás cooperativas agrogandeiras da provincia

Pontevedra
30 de agosto 2024

Ademáis a Deputación de Pontevedra vai asinar un convenio coa Dirección Xeral de Alimentación e Veterinaria de Portugal para que a Estación Fitopatológica de Areeiro sexa laboratorio de referencia para realizar analíticas de "30 pragas que preocupan ás autoridades lusas"

 

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno da institución provincial celebrada este venres na que se aprobou destinar 250.000 euros ás cooperativas agrogandeiras da provincia. 

En total, segundo informou Luis López, son 14 cooperativas de Cambados, Forcarei, Lalín, Meaño, Moaña, Pontevedra, Rodeiro e O Rosal, as que se beneficiarán desta liña de axudas que se puxo en marcha atendendo ás propostas e necesidades do sector primario e que, tal e como adiantou, terán un incremento de fronte ao próximo ano.

Luis López remarcou que "para este goberno provincial o sector primario é fundamental polo importante peso que ten na economía da provincia, pola súa estreita relación coa saúde e a mellora da calidade de vida das persoas e por ser un factor indispensable para facer fronte ao reto demográfico".

Cada cooperativa beneficiaria recibirá un máximo de 29.000 euros para afrontar diversos investimentos como adquirir nova maquinaria como envasadoras, liñas automáticas de pesada e etiquetaxe, sembradoras, distribuidoras de herba ou máquinas forestais, ata comprar furgonetas e tractores, equipamentos informáticos e mobles ou, entre outras iniciativas, afrontar gastos de asesoramento e mellorar procesos ou servizos prestados.

Ademais da liña de axudas a cooperativas agrogandeiras, a Deputación de Pontevedra ten outros programas en marcha de apoio ao sector primario. Por unha banda atópanse os dous centros de investigación pioneiros: Areeiro (Pontevedra), desde onde se investiga e fai fronte a pragas que afectan a cultivos agrícolas, e Mouriscade (Lalín), desde onde se analiza e garante a produción de carne e leite de excelente calidade. 

AREEIRO

Luis López tamén adiantou que a Deputación de Pontevedra vai asinar un convenio coa Dirección Xeral de Alimentación e Veterinaria de Portugal para que a Estación Fitopatológica de Areeiro sexa laboratorio de referencia para realizar analíticas de "30 pragas que preocupan ás autoridades lusas". 

"Realizaranse uns oitocentos análises para detectar organismos que causan pragas provocadas por insectos, fungos, fitoplasmas, virus e bacterias en cultivos tanto de horta como de vide", explicou o presidente provincial que incidiu en que "este convenio é outra mostra máis da gran relevancia internacional de Areeiro".