O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Provincial celebrada este venres na que se mobilizaron preto de 1,8 millóns de euros para deporte, investimentos en concellos e en benestar social.
Por unha banda, aprobouse a prórroga para seguir prestando o servizo de teleastencia domiciliaria aos concellos de menos de 20.000 habitantes grazas a un orzamento de máis de 110.000 euros.
A empresa Quavitae Servizos Asistenciais seguirá xestionando, ata xullo do ano 2025, este servizo que na actualidade chega a 660 persoas de 45 municipios. Este é un servizo que a Deputación leva prestando xa desde 1998. Está destinado a persoas maiores ou a persoas con discapacidade que vivan soas ou tamén aquelas que vivan acompañadas pero que teñan as facultades mermadas para valerse na vida cotiá.
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde a novas achegas, por preto de 160.000 euros, do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. O Concello de Bueu recibirá 60.000 euros para a acometida eléctrica da subministración do campo de fútbol municipal da Graña e o Concello de Mos percibirá 95.000 euros para a mellora de diferentes instalacións deportivas.
De novo, o Plan Máis Provincia mobiliza a maior parte dos recursos. Nesta ocasión son 1,5 millóns de euros para actuacións nos concellos da Estrada, Baiona, Cambados, Cuntis, Gondomar, A Lama, Pazos de Borbén, Portas, Redondela, Ribadumia e Tomiño, que dedicarán este diñeiro a proxectos de renovación de iluminación pública, de pavimentación, de conservación de camiños, saneamento ou mobilidade peonil, entre outros.
Fóra da orde do día desta Xunta de Goberno, Luis López tamén anunciou a estrea da plataforma dixital hubrural.gal que recolle os contidos do proxecto ‘Hub contra a fenda dixital e a soidade non desexada’ no que participan os concellos de Moraña, Forcarei, A Illa de Arousa e As Neves para conseguir capacitar en competencias dixitais a persoas maiores de 50 anos.
Por último, o presidente da Deputación de Pontevedra informou da próxima entrega de 640 equipos informáticos a concellos de menos de 20.000 habitantes. Esta acción está enmarcada no proxecto de reforzo das infraestruturas dixitais financiado con 670.000 euros de fondos Next Generation.