A Deputación descúlpase e retira unha noticia da súa web tras unha queixa do PP

Ponte Caldelas
09 de maio 2020
Actualizado: 21:01

Tras coñecer a queixa do deputado e alcalde de Cerdedo-Cotobade e comprobar que a noticia do Concello de Ponte Caldelas entraba no conflito que manteñen ambos os dous municipios, Carlos Font remitiu as desculpas da institución a Cubela e a noticia foi retirada da web

Jorge Cubela e Andrés Díaz, na delegación da Xunta Mónica Patxot

O grupo provincial do Partido Popular de Pontevedra queixouse este sábado de que a Deputación "volve a poñer a web institucional ao servizo dos intereses partidistas do PSOE".

Refírense á unha nova que publican en www.depo.gal, respecto ao proxecto de rehabilitación dos baños do San Xusto, en Cerdedo-Cotobade. A información leva por título "O Defensor del Pueblo considera nulo o convenio da Xunta de Galicia co Concello de Cerdedo-Cotobade por non tramitarse baixo o procedemento legalmente establecido de concurrencia competitiva".

O voceiro do PP provincial e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela di que "é escandaloso que a Deputación, que debe representar a todos os concellos da provincia por igual, tome parte de xeito descarado por un deles".

Cubela lembra que este convenio "non foi unha excepción nin novidade" na administración e sinala que moitos concellos e incluso a Deputación ten asinados este tipo de convenios nos últimos catro anos.

Finalmente o alcalde e portavoz do PP provincial asegura que "o Defensor do Pobo non ten ningún tipo de competencia para facer este informe, polo que é dobremente sorprendente que Carmela Silva se faga eco del, que presume de ser respectuosa coas competencias propias de cada administración".

DESCULPAS DA DEPUTACIÓN

Tras coñecer a queixa do deputado e alcalde de Cerdedo-Cotobade e comprobar que a noticia do Concello de Ponte Caldelas entraba no conflito que manteñen ambos os dous municipios, o deputado Carlos López Font remitiu as desculpas da institución a Cubela e a noticia foi retirada da web.

O deputado explicou que son os concellos da provincia os que directamente remiten a esta sección da web da Deputación as noticias que desexan publicar e neste caso, certamente, cometeuse o erro de non comprobar o seu contido. A Deputación de Pontevedra sinalou que non pretende entrar nin posicionarse "en ningún conflito entre concellos".