A Deputación de Pontevedra traballa na recuperación dunha pantasma

Pontevedra
19 de xaneiro 2018

A presidenta da Deputación puxo de manifesto que ata agora no Castelo de Soutomaior "pensábamos que o recinto histórico tiña unha eiva" xa que, ao contrario que a meirande parte dos castelos que teñen lendas de pantasmas asociadas, en Soutomaior eran descoñecidas. Sen embargo "descubrimos que si existe unha pantasma e xa lles adianto que o vindeiro verán terá un papel moi destacado e importante no castelo"

Castelo de Soutomaior Juan Mejuto

"A Deputación de Pontevedra traballa na recuperación dunha pantasma". Así o dixo este venres en rolda de prensa a presidenta da administración provincial, Carmela Silva.

A presidenta da Deputación puxo de manifesto que ata agora no Castelo de Soutomaior "pensábamos que o recinto histórico tiña unha eiva"  xa que, ao contrario que a meirande parte dos castelos que teñen lendas de pantasmas asociadas, en Soutomaior eran descoñecidas. Sen embargo "descubrimos que si existe unha pantasma e xa lles adianto que o vindeiro verán terá un papel moi destacado e importante no castelo".

O achado veu, tal e como informou a presidenta provincial, novamente da man da Marquesa Roxa, María Vinyals xa que, entre os seus escritos e documentos, relata a historia do "Alemanote", a pantasma co que ela mesma e o seu marido convivían no Castelo de Soutomaior.

Segundo informou Carmela Silva, os documentos recollen que durante a visita ao recinto de Carlos Micó, director do xornal "Los Aliados", este atopou a soas nun salón a unha estraña personaxe á que saudou. Cando preguntou a María Vinyals se o home que acababa de saudar non almorzaría con eles, estremeceuse e preguntou se realmente o tiña visto, xa que pensaba que só o podían ver ela e o seu marido.

A presidenta da Deputación detallou que María Vinyals pediulle a Carlos Micó que falase coa pantasma coa esperanza de que a fixera desaparecer das súas vidas. Así que Micó, en canto se topou coa figura, comezou a facerlle preguntas que puxeron de manifesto que o estraño home era de orixe alemá, nado e educado en Heidelberg, e que vivía no castelo como preceptor do sobriño do propietario da fortaleza de anos atrás.

Segundo consta na documentación, e tal e como informou Silva, a pantasma contoulle a Micó que cando vivía no castelo tiña construído un laboratorio nos seus sotos e alí pasaba as súas horas, elaborando complexas fórmulas químicas que a levaron ao descubrimento dunha arma moi poderosa coa cal a Alemaña se imporían na Primeira Guerra Mundial. Esa fórmula foi escondida por este home alemán nas paredes do castelo e, unha vez agochada, saíu de caza cos propietarios pero nunca regresou ao castelo xa que na cacería caeu do cabalo e morreu.

Silva destacou que trala súa morte, e atemorizado coa angustia de que alguén puidese localizar a fórmula da súa poderosa arma, a pantasma do home alemán vagaba polo Castelo velando polos seus escritos. Para descansar tranquilo, a pantasma pediulle a Carlos Micó que atopase o documento e o destruíse e, tras obter a súa promesa, levou ata o lugar ao xornalista. Unha vez recoñecido o espazo, Micó falou con María Vinyals e con Enrique Lluria quen propuxo que un albanel abrise un oco no lugar sinalado pola pantasma. A sorpresa, segundo relatou a presidenta, foi que en canto o albanel retirou un ladrillo apareceu un espazo oco no que estaba depositado un libro, cheo de moho.

María quixo recoller o libro pero Carlos Micó, que prometera á pantasma eliminar o documento, abalanzouse sobre el para cumprir co trato. Así foi como o grupo se trasladou ao salón e, na cheminea do castelo, queimou o libro. Dende entón, "O Alemanote", como así a chamaban, nunca volveu aparecer.

Ao respecto, a presidenta da Deputación de Pontevedra amosou o seu desexo de que o pantasma regrese ao castelo. "Estamos facendo todos os esforzos para que volva a Soutomaior porque sería moi atractivo que a xente puidese atoparse co pantasma e dialogar con el porque, como vemos, é un pantasma co que se pode dialogar", destacou Silva.