A Deputación de Pontevedra, invitada a participar na clausura do Cumio Mundial do Clima

Pontevedra
03 de decembro 2019

Carmela Silva, presidenta da institución provincial, anunciaba que só a de Pontevedra e a de Palencia foron seleccionadas para intervir neste Cumio polo Clima onde participará nunha mesa redonda o venres 13 de decembro na zona verde do IFEMA

Carmela Silva, presidenta da Deputación Cristina Saiz

A Deputación Provincial participará no Cumio Mundial do Clima (COP25) que se celebra en Madrid baixo o lema 'É tempo de actuar'. A intervención será na xornada de clausura o venres 13 de decembro nunha mesa redonda sobre os retos dos gobernos locais fronte ao cambio climático.

O acto será entre as 10.00 e as 12.00 horas no Ágora, a zona verde, do IFEMA coa inauguración da Ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira. Pontevedra, con Palencia, serán as únicas provincias cuxas institucións provinciais contarán con representación neste evento.

Na mesa na que participará a presidenta provincial Carmela Silva tamén intervirán Juan Espadas, alcalde de Sevilla; Jorge Azcón, alcalde de Zaragoza; Rosa  Huguet, alcaldesa de Canyelles en Barcelona; Carlos Martínez, alcalde de Soria e a alcaldesa de Xixón, Ana González. Nesta charla trataranse, explicaba este martes a presidenta da Deputación, temas como a importancia de traballar desde o local para modificar o global e os retos provinciais para lograr os obxectivos da Axenda 2030.

Ademais, a Deputación vai adherir ás propostas da Rede Española de Cidades polo Clima a través de tres acciones. O 7 de decembro, entre as 20.00 e as 20.30 horas apagarase a iluminación de todas as fachadas dos edificios dependentes da institución provincial. Tamén se levará a cabo na primavera unha marcha popular polo clima tanto en Pontevedra como en Vigo.

Ademais, tamén se sumará ao manifesto #UnÁrbolPorEuropa coa plantación dunha árbore nun municipio da provincia antes do 5 de xuño. Carmela Silva indicou que levará a cabo unha campaña para que a xente participe e achegue ideas e o lugar onde queren que se realice a plantación. "Será democrático", apuntou.

A presidenta apuntou que neste 2019 xa se cumpriu o 91% dos obxectivos de desenvolvemento sustentable pero o obxectivo atópase en acadar o 100% e para iso, o orzamento para o vindeiro ano en todas as áreas atende ao cumprimento dos retos establecidos na Axenda 2030.

Carmela Silva insistiu en que a presenza no Cumio significa que se están facendo as cousas ben desde o goberno da Deputación e que "somos unha referencia a nivel estatal".