A Deputación de Pontevedra destina 3,1 millóns de euros á conservación de firmes

Pontevedra
19 de xullo 2024

Segundo informou en rolda de prensa o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López actuarase en 50 estradas de 30 municipios de catro das seis zonas nas que dividiu a provincia o Acordo marco para regular o mantemento da rede provincial

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra mobilizou este venres 6,5 millóns de euros en recursos dos que, a contía máis importante, 3,1 millóns de euros destinaranse á conservación de firmes nas vías provinciais.

Segundo informou en rolda de prensa o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López actuarase en 50 estradas de 30 municipios de catro das seis zonas nas que dividiu a provincia o Acordo marco para regular o mantemento da rede provincial.

Estas actuacións desenvolveranse en algo máis de 290 quilómetros dos máis de 1.600 que son titularidade da Deputación pontevedresa.

Hai estradas nas que se procederá ao fresado do pavimento para despois repoñer a capa de rodadura, mentres que noutras aplicarase unha capa de microaglomerado en frío.

VILANOVA DE AROUSA

A Xunta de Goberno Provincial tamén deu luz verde ao convenio co Concello de Vilanova de Arousa para a mellora de mobilidade peonil na EP-9701 Baión-András. Segundo o aprobado, a Deputación financia o 80% (800.000 euros) e o Concello o 20% (200.000) máis os 20.000 euros para as expropiacións.

Actuarase nun tramo de 560 metros no inicio desta estrada e ademais crearase unha senda peonil así como outros traballos asociados.

PLAN + PROVINCIA

Ademais, a Deputación aprobou 1,1 millóns de euros para actuacións enmarcadas no Plan +Provincial con investimentos na Illa de Arousa, Caldas de Reis, Tomiño, Tui e Valga que  afrontarán obras de saneamento, mobilidade peonil ou adquisición de terreos, entre outras.

Un total de 460.000 euros irán destinados para o o Concello de Tomiño execute unha nova rede de saneamento en Carregal.

DEPORTE

O goberno que preside Luis López aprobou destinar 140.000 euros ao patrocinio da La Vuelta Ciclista a España 2024 que o 27 de agosto percorrerá a provincia na décima etapa entre Ponteareas e Baiona, cun percorrido de 160 quilómetros.

O presidente da Deputación xustificou este gasto sinalando que La Vuelta goza de enormes niveis de audiencia e ten un gran alcance e difusión a nivel mundial.

Entre os asuntos abordados polo goberno provincial tamén están axudas por 900.000 euros destinadas a clubs deportivos que participen en competicións de ámbito estatal. As axudas van dos 5.000 aos 35.000 euros segundo as diferentes características da competición e do nivel ao que pertenzan, e non superarán o 50% do orzamento.

As competicións deberán están incluídas nos calendarios oficiais das federacións para a tempada 2023/2024 ou 2024. Os gastos subvencionables son os federativos, de competicións, de adestramento, de persoal, de material deportivo e de gastos sanitarios.

IGUALDADE E EDUCACIÓN

Ademais, a Xunta de Goberno provincial aprobou axudas por 200.000 euros para que entidades de iniciativa social realicen actividades e proxectos de fomento da igualdade de oportunidades e de loita contra a violencia de xénero.

O goberno provincial tamén destinou outros 45.000 euros para a ampliación das bolsas de mobilidade Erasmus + que beneficiarán a 13 graduados de Formación Profesional que están a facer prácticas laborais en Croacia, Francia, Irlanda, Italia, Malta e a República Checa, e que ampliarán este período de formación entre un e tres meses.

Este alumnado procede de centros educativos de Gondomar, Lalín, Pontevedra, Redondela e Vigo e de ciclos de diferentes áreas de coñecemento.