A Deputación dá un ultimato dun mes á Xunta para que realice obras de conservación no Pazo de Lourizán

Pontevedra
14 de maio 2019

Remitiu á Consellería de Medio Ambiente o requirimento para que "á maior brevidade cumpra coa súa obriga legal de efectuar ás obras de conservación necesarias para o mantemento  da zona nobre da Finca de Lourizán". É o último paso antes da interposición dun recurso contencioso-administrativo 

Pazo de Lourizán Juan Mejuto

A Deputación de Pontevedra acaba de dar un ultimato dun mes á Xunta de Galicia para que acometa as necesarias obras de conservación no Pazo de Lourizán. En concreto, remitiu á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o requirimento para que "á maior brevidade cumpra coa súa obriga legal de efectuar ás obras de conservación necesarias para o mantemento  da zona nobre da Finca de Lourizán".

Este requerimento é o último paso xa antes da interposición dun recurso contencioso-administrativo, que a institución provincial xa anunciou hai semanas e agora asegura que presentará de forma definitiva se no prazo dun mes a Consellería non lles responde. A institución provincial considera que se a Xunta non dá resposta entenderase como rexeitado.

Con este envío dáse cumprimento ao acordo do pleno da Deputación, do pasado 4 de marzo, no que se acordou iniciar de xeito inmediato o estudo das medidas legais ante a inacción da Xunta de Galicia cos compromisos adquiridos no Pazo de Lourizán.

A Deputación cita no requirimento aquelas cláusulas dos convenios asinados coa Xunta nos anos 1991 e 2000 nas que se pon de manifesto a obriga do goberno galego de levar a cabo os traballos de conservación no Pazo. O convenio de 22 de xaneiro de 1991 cita que entre as obrigas da Consellería estaba a de "efectuar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre do conxunto, respectando o seu carácter artístico e monumental". O convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente do 21 de xaneiro de 2000 recolle a mesma obriga que o convenio do ano 1991.

Desde 1991 a Xunta de Galicia ostentou de forma ininterrompida a posesión, uso e desfrute da Finca de Lourizán e a Deputación critica que durante todos estes anos non efectuou as obras de conservación necesarias a cuxa execución está obrigada. Este incumprimento provocou que o Pazo presente un grave deterioro e deficiente estado de conservación que esixe a súa reparación urxente en canto á seguridade estrutural; ás humidades patentes en habitacións, escaleiras e pisos; afundimentos de partes da cuberta; riscos existentes en seguridade eléctrica; o mal estado das carpinterías exteriores e interiores; ou a inexistencia de vixilancia, o que provoca inseguridade fronte ao vandalismo, ocupacións ou roubos.

Tendo en conta que o Pazo é un inmoble de elevado valor histórico e patrimonial e integrado no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia, a Deputación remitiu outro escrito á Secretaría Xeral de Cultura poñendo no seu coñecemento o deber da Xunta da conservación do Pazo de Lourizán, sen que ata agora tivese resposta algunha.