A Deputación cancela polo coronavirus os eventos "masivos" e recomenda evitar "consultas presenciais"

Pontevedra
11 de marzo 2020

A expansión do coronavirus polo país está a activar os protocolos de actuación nas administracións públicas. E a Deputación de Pontevedra é unha delas. O goberno provincial impulsou un comité de seguimento que avaliará de xeito diario as medidas a tomar

Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

A expansión do coronavirus polo país está a activar os protocolos de actuación nas administracións públicas. E a Deputación de Pontevedra é unha delas. O goberno provincial impulsou un comité de seguimento que avaliará de xeito diario as medidas a tomar.

A creación deste comité, a través dunha resolución asinada por Carmela Silva, ten como obxectivo supervisar as accións que se van a implantar para a protección dos traballadores do organismo provincial e da cidadanía, a quen se aconsella evitar as consultas presenciais.

A este respecto, a Deputación recomenda que os cidadáns eviten acudir ás sedes da institución e que utilice as canles informáticas e telefónicas para calquera consulta, unha recomendación que se está a facer a través da web e das súas redes sociais.

Outra das medidas xa aprobadas é a cancelación de eventos e actividades de carácter "masivo" previstos para este mes de marzo, aínda que non se descarta que esta suspensión teña que ampliarse en función da evolución da crise. 

Entre os eventos cancelados están a Gala de Turismo, prevista para o 25 de marzo, unha xornada sobre a Axenda 2030 ou presentacións de libros. Tamén se pospoñen os programas sociais destinados ás persoas maiores como o Depotermal e, previsiblemente, tamén os de envellecemento activo como o Depo en Marcha e En Ruta coa Depo.

Entre as primeiras decisións destinadas ao persoal da Deputación, ademais de comunicar o protocolo para evitar o contaxio, colocáronse paneis explicativos nos servizos de aseo da institución coa normativa de hixiene para o lavado das mans, información que se está a trasladar tamén aos concellos da provincia.

Estanse a instalar dispensadores de hidroxel en centros e dependencias de atención ao público da Deputación, dispensadores igualmente situados na zona de fichaxes dos traballadores.

Igualmente, de cara ao persoal da institución provincial, serán canceladas todas aquelas reunións, cursos e actividades de grupos de carácter masivo e os desprazamentos e viaxes que non sexan de estrita necesidade. Amais, os servizos de limpeza das sedes de Pontevedra e Vigo están a realizar a desinfección diaria do material, mobiliario e instrumental.

Haberá un comité específico no Príncipe Felipe que está a avaliar diariamente as medidas e o seguimento da crise.

Ata o momento os educadores están a remitir aos menores que extremen as medidas de hixiene, o persoal médico ten a indicación de adquirir o material necesario para atender calquera incidencia e xa está designada unha zona de illamento ante un posible contaxio.

O Museo de Pontevedra e o castelo de Soutomaior, pola súa banda, seguirán de momento abertos ao público e no caso de que a administración autonómica ou estatal tome algunha nova decisión respecto ao peche de centros educativos ou de maiores, a Deputación estudiará medidas que permitan a flexibilidade horaria dos traballadores que dea resposta ás súas necesidades.

Sobre a situación dos quince estudantes Erasmus que están en Italia, a Deputación está en contacto diario con eles para trasladarlles as instrucións das autoridades. Ata o momento só dous alumnos solicitaron o seu regreso, pero de momento o goberno italiano e as medidas adoptadas en España impiden a súa saída.