A Deputación axiliza os pagos das subvencións a asociacións e ONG en apoio aos máis vulnerables

Pontevedra
28 de abril 2020

Malia que os prazos administrativos están suspendidos, o organismo provincial decidiu axilizar estes pagos ao considerar que estas entidades prestan un servizo imprescindible, especialmente durante a presente crise sanitaria

Reunión da comisión de seguimento do Covid-19 do Centro Príncipe Felipe Deputación de Pontevedra

Un total de 66 entidades sociais da provincia, entre ONG e asociacións sen ánimo de lucro, están a recibir estes días o pago das subvencións aprobadas pola Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento de proxectos singulares e proxectos de intervención social. A medida supón unha inxección directa de liquidez de 470.000 euros nun momento no que os recursos para a atención das persoas en risco de exclusión social son máis necesarios que nunca.

Malia que os prazos administrativos están suspendidos, o organismo provincial decidiu axilizar estes pagos ao considerar que estas entidades prestan un servizo imprescindible de apoio ás persoas e colectivos máis vulnerables, especialmente durante a presente crise sanitaria.

O Comité do Covid19 da Deputación deu conta do estado de tramitación dos pagos, de xeito que neste martes 28 de abril tan só restaban catro entidades por recibir as transferencias nas súas contas bancarias, á espera de cumplimentar os derradeiros pasos administrativos.

A presidenta provincial, Carmela Silva, subliñou que a Deputación está a realizar estes libramentos, correspondentes á convocatoria de axudas do ano 2019, con moita antelación sobre o calendario previsto porque estas asociacións do chamado terceiro sector realizan "un traballo moi valioso e as administracións públicas teñen que estar á altura proporcionándolles unhas axudas económicas que serven para que desenvolvan un traballo que mellora á nosa sociedade e, ademais, na medida das súas posibilidades e na atención aos seus colectivos específicos, poidan facer fronte aos efectos da pandemia causada pola Covid19".

Os proxectos subvencionados refírense a bancos de alimentos, atención á infancia, servizo de intérpretes para persoas xordas, intermediación laboral de persoas con diversidade funcional, atención biopsicosocial de doentes oncolóxicos, emprego inclusivo, bolsas de alfabetización, formación ocupacional e agricultura ecolóxica para ex-toxicómanos, rehabilitación funcional de pacientes de alzheimer, prácticas non laborais para enfermos mentais, atención integral a persoas, intervención educativa con menores, estimulación da linguaxe oral en persoas con síndrome de Down, inserción sociolaboral, autonomía para a vida, mellora na atención das necesidades sanitarias de nenas e nenos con parálise cerebral, intervención terapéutica e sensibilización en dereitos humanos e xustiza social global.

Entre outras, a Deputación adianta unha relación destas entidades con proxectos financiados polo organismo provincial: Asociación Española contra o Cancro, Fundación Érguete-Integración, Radio ECCA, Asociación de loita contra a droga Alborada, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afasal), Saúde Mental Feafes, Asociación Érguete, Cogami-Pontevedra, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Doenzas (Afapo), Fundación Monte do Gozo (Proxecto Home Galicia), Asociación de Familiares con Alzheimer do Morrazo (Afamo), Asociación de Apoio á Infancia e a Mocidade (Arela), Asociación de Síndrome de Down (Down Pontevedra-Xuntos), Asociación Érguete Baixo Miño, Down Vigo, Asociación Amencer-Aspace, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias (Afaga), Asociación para Discapacitados "Esperanza Salnés", Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp), Asociación de Xordos de Galicia (Xoga), Confederación Cogami e Fundación Unicef.