A Deputación de Pontevedra vén de asinar tres novos convenios de colaboración para a promoción da igualdade real e a loita contra as violencias machistas.
Trátase de acordos coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, e coa Asociación Nós Mesmas, co fin de colaborar con entidades de iniciativa social da provincia que están a desenvolver programas para a consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes.
No caso de Fademur, poñerase en marcha o proxecto 'Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais', unha iniciativa que, cun gran éxito na edición pasada, achega á rapazada da provincia menor de 16 anos, especialmente dos núcleos rurais máis pequenos, ferramentas para identificar e actuar ante todo tipo de situacións de violencia machista e traballar sobre o concepto de igualdade dende a perspectiva de xénero. O proxecto desenvolverá accións formativas presenciais e telemáticas atendendo ás distintas idades e niveis de formación e comprensión.
O convenio coa Asociación Nós Mesmas contempla un plan de formación en diversidade afectiva-sexual e de xénero dirixido a centros públicos de primaria, secundaria e FP da provincia. Ten por obxectivo a formación do alumnado e do profesorado proporcionándolles as ferramentas e os coñecementos precisos para prever posibles situacións de acoso, detectalas e intervir nelas, así como dar formación ao resto da comunidade educativa.
Por último, a Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo desenvolverá coa Deputación o proxecto 'Camiño ao bo trato' que, a través de actividades de prevención e formación, busca abordar de maneira integral a violencia de xénero e acadar un maior coñecemento dos procesos para unha mellor intervención na praxe profesional. Esta iniciativa está dirixida a diferentes colectivos, mulleres e homes interesadas/os na formación en xénero, á mocidade, profesionais de servizos sociais, e profesorado e alumnado dos centros educativos.