A Deputación asegura que o Plan Revitaliza reduciu a cantidade de lixo enviado a Sogama

Pontevedra
17 de decembro 2018

Os centros de compostaxe comunitaria e composteiros repartidos pola Deputación detraeron xa dos envíos a Sogama aproximadamente unhas 3.000 toneladas de biorresiduos en toda a provincia o que suporía, de estar todos xuntos, o equivalente a un municipio das características de Poio, cuns 11.000 habitantes

Seminario "Outra ollada na xestión local dos residuos. Tres anos de Revitaliza" Mónica Patxot

A Deputación asegura que os concellos máis adiantados do Plan Revitaliza reduciron a cantidade de lixo dos colectores verdes que envían a Sogama.

Así o asegurou este luns o vicepresidente César Mosquera no seminario "Outra ollada na xestión local dos residuos. Tres anos de Revitaliza" no que se deu conta dos avances do plan provincial ante máis dun cento de representantes de concellos, entidades e persoal técnico.

A día de hoxe hai 42 concellos adheridos ao Plan Revitaliza e 13 intentando implantar o sistema de forma global.

Segundo subliñou Mosquera, os centros de compostaxe comunitaria e composteiros repartidos pola Deputación detraeron xa dos envíos a Sogama aproximadamente unhas 3.000 toneladas de biorresiduos en toda a provincia o que suporía, de estar todos xuntos, o equivalente a un municipio das características de Poio, cuns 11.000 habitantes.

No caso concreto do Concello de Vilaboa xa reduciu un 21% do lixo enviado a Sogama, unha cifra "moi clara" trala que van os concellos de O Grove ou Pontevedra, que xa empezan a notar tamén unha baixada no total dos envíos. Só traballando no orgánico en Vilaboa, por exemplo, hai un devengo económico de 20.000 euros nas contas a Sogama, sen contar co aforro económico que a maiores supón non ter que transportar o lixo.

No caso de Pontevedra a técnica Mariña Lobelle destacou que o municipio está por baixo do 10% na recollida selectiva e moi lonxe do 50% esixido para 2020. Ata o de agora lévanse producido máis de 45 toneladas de compost nos 18 centros de compostaxe comunitaria instalados, número que se vai ampliar en breve cos centros de A Parda e O Gorgullón e a medio prazo con outros 16.

O obxectivo, dixo Lobelle, é que a inicios de 2019 se repartan os 8.000 composteiros individuais no rural e que, unha vez entón se poidan detraer do actual sistema de xestión 10.320 quilogramos diarios, o que suporía unhas 3.700 toneladas anuais.

O asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, fixo fincapé nesta cuestión e, con gráficas mostrou a tendencia alcista de lixo producido e envíos a Sogama nos últimos anos, así como o cambio iniciado neste 2018 xa de maneira notable.

Mosquera tamén destacou o efecto "simpático" que ten a separación dos biorresiduos dos plásticos, vidro e papel, que melloraron notablemente as súas cifras. A reciclaxe destas outras fraccións, de feito, será abordada na liña 3 do Plan Revitaliza, xa que se prevé incidir nas frecuencias dos circuítos de recollida unha vez o orgánico non estea no circuíto, o que suporá unha baixada total do custe da xestión do lixo para os concellos.

Tamén destacou que o Revitaliza terá unha cuarta liña de traballo na que se prevén modificar as ordenanzas e a fiscalidade do lixo co horizonte de beneficiar ás persoas que participan na compostaxe e xeran menos residuos.

A conselleira técnica do Ministerio de Transición Ecolóxica, Gema Gonzalo, explicou haberá un límite do 31 de decembro de 2020 para que os concellos de máis de 5.000 habitantes xestionen e traten os residuos orgánicos in situ ou os recollan de forma separada para o seu tratamento en planta. "O reto que temos endiante é moi grande porque estamos en 2019 xa e hai ameazas de sanción", subliñou.