O servizo de Mobilidade provincial aprobará na Xunta de Goberno do venres varios convenios e proxectos de mellora de estradas provinciais de Pontevedra, Marín, Barro e O Grove.
O primeiro punto da orde do día da Xunta de Goberno é o relativo á aprobación entre o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Barro para a execución do proxecto de pavimentación e dotación de servizos na EP-0505 N-550- Igrexa de Perdecanai.
O orzamento da actuación é de 327.565,38 euros, que segundo o convenio a aprobar mañá, se financiarán ao 70% por parte da Deputación e ao 30% por parte do Concello, que tamén deberá conseguir as cesións necesarias para executar a obra. O acordo deberá asinarse nas vindeiras semanas e despois procederase á licitación dos traballos.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobará definitivamente os proxectos relativos á glorieta de Príncipe Felipe e da Rolda Leste de Pontevedra, no que é o último trámite burocrático antes de contratar os traballos.
Tamén aprobará o proxecto de actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible na EP-9106 dende a EP-9101 ata a igrexa de San Vicente do Grove. Cun orzamento de 542.261,63 euros, a Deputación aporta o 80% e o Concello o 20%.
Finalmente, na Xunta de Goberno do venres modificarase o convenio de colaboración asinado en 2015 entre a Deputación e o Concello de Marín para reformar a rúa Alcalde José del Río (EP-1201).
O orzamento da actuación ascende a 240.584 euros e financiarase con fondos provinciais, dos que a Deputación aportará 120.548 euros e o Concello de Marín outros 120.000 (obtidos do PPOS-15 da institución provincial). O prazo de execución será de tres meses a partir da adxudicación dos traballos.
PREMIAN O PLAN MÓVESE DA DEPUTACIÓN
O Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE) da Deputación de Pontevedra vén de ser premiado polo comité técnico do II Congreso Iberoamericano de Seguranza Viaria "Inter Cisev" que finalizou este mércores en Sevilla. O xurado recoñeceu o plan provincial de calmado de tráfico como o segundo mellor proxecto de entre as 30 comunicacións presentadas oficialmente por institucións e entidades en materia de seguranza viaria.
Valorouse que se trata dunha "actuación directa" para evitar a violencia viaria.