A Deputación aproba este venres as expropiacións para o novo vial de acceso a Monte Porreiro

Pontevedra
25 de decembro 2017

O custe das fincas necesarias para a nova estrada, que supoñen case 8.000 metros cadrados e afectan a 32 propietarios, ascende a 432.816,30 euros

Acceso a Monte Porreiro Deputación de Pontevedra

A Deputación aprobará no pleno do vindeiro venres as expropiacións necesarias para construír a nova estrada de acceso a Monte Porreiro en Pontevedra. O custe das fincas necesarias para a nova vía está taxado en 432.816,30 euros e afectará a 7.979 metros cadrados. Será necesario dar o visto bo á declaración de utilidade pública e á urxente ocupación.

Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, a institución provincial é responsable da redacción e aprobación do proxecto, así como do expediente expropiatorio e financiará o 70% da execución da obra, mentres que o goberno local aboará o 30% do orzamento e obra, pagará as expropiacións dos terreos necesarios (432.816,30 euros) e asumirá a licitación, dirección, execución e recepción das obras previstas. O custe total da actuación ascende a 1.570.096,80 euros.

Unha vez se aprobe no pleno a utilidade pública da obra e a urxente ocupación, procederase á exposición pública do expediente expropiatorio, que deberá ser publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) a efectos de posibles reclamacións, entendéndose aprobado definitivamente de forma automática en caso de non producirse as mesmas.

Segundo o proxecto, a liña de expropiación situouse a tres metros da arista exterior da explanación necesaria para a nova estrada, salvo na marxe esquerda da rúa Regueiriña, onde a expropiación se axusta aos peches de fincas residenciais e a onde hai elementos singulares. En total, a expropiación afecta a 7.976 metros, dos que son de solo rústico 4.726 metros cadrados e 3.253 corresponden a solo urbano. Da superficie a expropiar 367 metros cadrados corresponden a terreos públicos, do Concello de Pontevedra e de ADIF, que non son tidos en conta para a valoración económica.

Entre os elementos tidos en conta para o custe de terreos tivéronse en conta, ademais das fincas, as árbores madeirables, as árbores froiteiras, as cepas e postas de viña, árbores ornamentais; cerramentos de bloques, perpiaño, pedra, formigón ou metálicos; postes de pedra ou cemento; e as alambradas metálicas ou servidumes. Os terreos expropiables van dos 38 aos 630 metros cadrados e afectan a 32 propietarios.

MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA

A nova estrada de acceso a Monte Porreiro pretende mellorar a seguridade viaria na zona e retirar "un tráfico improcedente e medioambientalmente agresivo na beira do río Lérez, co obxectivo de poder seguir mellorando e recuperando -dende o punto de vista medioambiental- a contorna do río para o goce de toda a cidadanía", segundo explica o vicepresidente Mosquera. A intención é priorizar a mobilidade peonil e ciclista.

A nova vía, de 605 metros de lonxitude, terá tráfico calmado e un itinerario peonil con dous carrís de circulación de 3,50m de largo cada un, cunha beirarrúa de 2,50 metros na marxe esquerda e facilitará o acceso peonil ata a universidade e o barrio de Monte Porreiro.

O trazado desenvolto aproveita o paso inferior baixo as vías do ferrocarril, xa executado polo Ministerio de Fomento, e na súa meirande parte sigue o trazado da rúa Reguiña, ampliándoa, de xeito que se minimizan as expropiacións e afeccións.

No treito final, na contorna dos Campos, prevese a urbanización da área pública municipal e a reordenación do tráfico da zona. Así mesmo, deséñase unha nova iluminación ao longo do percorrido, colocando novos báculos e luminarias de forma que tanto a estrada como as beirarrúa, pasos de peóns e o paso inferior, queden perfectamente iluminadas.