A Deputación de Pontevedra aprobou este venres de maneira definitiva, nunha sesión plenaria extraordinaria, o Orzamento máis alto da súa historia que alcanza os 189,2 millóns de euros.
As contas provinciais xa foran aprobadas incialmente noutra sesión plenaria celebrada o pasado 10 de novembro. Coa segunda aprobación en Pleno deste Orzamento, que obtivo os votos favorables dos deputados do Grupo Popular e o rexeitamento dos deputados do PSOE e do BNG, o Goberno provincial cumpre o seu compromiso de facer que as novas contas, as primeiras do mandato do presidente Luis López, entren en vigor o primeiro día do próximo ano.
Os 189,2 millóns de euros do Orzamento supoñen un incremento de 7,6 millóns máis que as contas do ano anterior.
A partida para Cooperación está dotada cun total de 66 millóns de euros, crece en 9,3 millóns de euros, e estarán destinados principalmente ao plan de obras e servizos agora chamado programa +Provincia que dispón dunha contía de 48,2 millóns. Ademáis, esta área de Cooperación inclúe tamén os convenios particulares coas cidades de Vigo e Pontevedra, dotado cada un con 7,5 millóns de euros, ou o Plan Provincia Comunitaria, co que se destinan 2 millóns de euros ao tecido asociativo e reserva un millón de euros ao Plan +Aqua, para apoiar as comunidades de usuarios de auga nunha mellor explotación dos recursos hídricos da provincia.
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela destacou que "sen ningún tipo de contratempos" aprobáronse "as contas do municipalismo". "Este é un goberno que cumpre", insistiu Cubela, ainda que non fixo referencias ás alegacións presentadas ao orzamento, algo que lle foi reprochado polo voceiro do BNG, César Mosquera.
As alegacións case todas son referidas ao capítulo de Persoal, entre outras se solicita ao goberno provincial que faga unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT), unha cuestión que será asumida, segundo dixo Cubela..
Foi máis crítico o portavoz do grupo provincial socialista, Carlos López Font que reprochou ao goberno do presidente Luis López que "llevan ustedes cinco meses que han sido un escándalo de errores y de algún caso de corruptela, hasta el presidente ha envejecido de manera alarmante", dixo.
Font censurou o "oscurantismo" na xestión da administración provincial e que "los alcaldes siguen sin saber cuánto van a recibir de la Diputación" e, ademais, criticou o "cambio de criterios a la medida del Partido Popular" na repartición dos fondos destinados aos concellos.
Tamén sinalou que neste orzamento "se ha abierto la puerta a chorro para el gasto corriente, problema de alcaldes y alcaldesas del Partido Popular, en detrimento de las obras y servicios" que veñen, segundo López Font "a suplantar la escandalosa falta de financiación de la Xunta de Galicia".