A Deputación acudirá á Xustiza para reclamar que a Xunta rehabilite o Pazo de Lourizán

Pontevedra
27 de xullo 2019

O pleno da institución provincial aprobaba, cos votos en contra do Partido Popular, a decisión de presentar un recurso contencioso-administrativo para que o goberno galego execute as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre da Finca de Lourizán

Pleno da Deputación de Pontevedra Cristina Saiz

O pleno da Deputación decidiu interpoñer un recurso contencioso-administrativo coa intención de que a Xunta de Galicia leve a cabo as obras de conservación necesarias para manter a zona nobre da Finca de Lourizán, onde as instalacións mostran un notable mal estado. 

O deputado socialista Carlos Font defendeu o punto no pleno que se celebraba este venres sinalando que a cesión por parte da Deputación á Xunta da Finca e dos edificios nobres de Lourizán realizouse en 1991 cunha duración de 30 anos. Segundo o deputado esa cesión implicaba que a Xunta debía conservar este espazo. Con todo, alegou, o goberno autonómico non está a atender ás competencias e fai caso omiso dos requirimentos enviados pola institución provincial. 

Na mesma liña mostrábase o deputado do BNG, César Mósquera, para lembrar que en 2008 houbo oportunidade de traspasar ese espazo á Xunta pero finalmente o goberno provincial, entón gobernado polo PP, botouse atrás. O nacionalista indicou que en 2021 terminará a cesión e teme que a Xunta llo devolverá en malas condicións á Deputación para que este organismo sexa quen realice o investimento. "Aparte de burros, apaleados", expresou Mosquera, que insistiu en que a Deputación está disposta a ceder a leira e o Pazo á Xunta para que faga o que queira neses terreos.

Pepa Pardo, portavoz do Partido Popular, mostrou a súa sorpresa pola interposición e apuntou a que en 2016 e 2017 a Xunta tentara reformar o Pazo cun proxecto para convertelo nun espazo de investigación, a través de Ence. Un proxecto, que segundo a deputada do PP, foi rexeitado por motivos "partidistas" e "políticos". 

Carlos Font respondeu na réplica que aquela proposta da Xunta cun investimento de 5 millóns de euros para a rehabilitación do Pazo co "simple obxectivo de lavar a cara a Ence" non alcanzaba para recuperar un espazo no que, segundo unha análise técnica, é necesario investir máis de 14 millóns de euros. 

Finalmente, na votación, aprobábase a presentación do recurso contencioso-administrativo, cos votos en contra do grupo da oposición.