Ao longo do mes de maio, o Museo de Pontevedra acollerá o curso 'Olladas musicais: audicións comentadas', onde se escoitarán e comentarán catro composicións emblemáticas da historia da música que servirán como base para proporcionar un espazo de encontro cultural no que explorar, aprender e gozar da música clásica.
A actividade está organizada pola Deputación de Pontevedra e desenvolverase ao longo de catro sesións os mércores 8, 15, 22 e 29 de maio entre as 19:00 e as 20:30 horas no auditorio do Edificio Castelao. O acceso a cada sesión é libre e, entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal e asistan como mínimo ao 70 % das sesións.
O curso será impartido por Sara Domínguez Lloria, licenciada en Música con especialidade en Piano, doutora en Educación pola Universidade de Vigo e cun mestrado en Teatro e Artes escénicas e outro en Dirección e xestión de centros educativos. Foi directora da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela e profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2021 é profesora na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, no departamento de didáctica especial da área de didáctica da expresión musical.
Con estas sesións, os organizadores buscan promover o aprecio e a comprensión da música clásica entre o público adulto. Para iso, cada sesión centrarase nunha composición e desenvolverase seguindo un esquema similar: primeiro farase unha introdución á obra, para logo realizar unha escoita de fragmentos representativos e a análise dos temas musicais. Abordarán tamén historias e curiosidades, influencias diversas ou o contexto histórico, segundo o caso, e tamén a relevancia e legado da obra.
A primeira sesión será o 8 de maio e estará dedicada a 'O Entroido dos animais', composto por Camille Saint-Saëns en 1886. Trátase dunha obra na que a través de melodías lúdicas e representación inventivas de animais o compositor francés conseguiu marabillar a sucesivas xeracións de oíntes.
O 15 de maio é a quenda de 'Miña nai, a gansa', unha obra de Maurice Ravel que rachou as convencións da música da súa época cunha innovadora combinacións de elementos narrativos e musicais.
A terceira sesión, o 22 de maio, está dedicada a 'Cadros para unha exposición', unha composición de Modest Mussorgsky que, en 1874, ofreceu un enfoque innovador creando unha conexión directa entre a música e a arte visual.
O curso pecharase o mércores 23 de maio co achegamento a 'Scheherezade, Op. 35', a obra máis emblemática de Nikolái Rimski-Kórsakov, que explorou o interese por Oriente, inspirado polos contos de 'As mil e unha noites'.