A Deputación, a Subdelegación e a Consellería celebran o resultado da reforma do CEIP Daría González

Pontevedra
18 de setembro 2024

Este centro educativo, construído na década dos anos 70, de tres plantas, con patio exterior con xardín e horta, recibiu unha achega de 1,7 millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de entidades locais (Pirep Local), enmarcado dentro dos Fondo Next Generation

 

Inauguración da reforma do CEIP Daría González PontevedraViva

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, o subdelegado do Goberno, Abel Losada e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitaron este mércores o resultado das obras levadas a cabo no colexio CEIP Daría González, na Cidade Infantil Príncipe Felipe. 

Este centro educativo, construído na década dos anos 70, de tres plantas, con patio exterior con xardín e horta, recibiu unha achega de 1,7 millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de entidades locais (Pirep Local), enmarcado dentro dos Fondo Next Generation.

Acometéronse con estes fondos as obras de cambio de cuberta, realizouse un reforzo estrutural da fachada e substituíronse as carpinterías, ademais de mellorar a habitabilidade, accesibilidade, conservación e eficiencia enerxética do edificio.

O subdelegado do Goberno destacou que "poucas obras públicas hai tan satisfactorias como a reforma integral dun centro educativo" e sinalou a singularidade deste proxecto que alcanza ás tres administracións, "o Estado, que financiou integramente esta obra, a administración local, representada pola Deputación, que a xestionou, e a Administración Autonómica, que a recibe" xa que este centro do que é titular a Deputación foi transferido á Xunta.

Losada indicou que as dúas convocatorias deste plan Pirep deixaron na provincia de Pontevedra un total de 22,6 millóns de euros para financiar máis dunha ducia de proxectos municipais e da propia Deputación.

Tamén Román Rodríguez puxo o foco na "boa práctica" que supón a colaboración entre administracións "para mellorar un servizo público fundamental, como é o educativo".

O conselleiro tamén comentou que o goberno galego puxo en marcha o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para renovar os colexios, institutos e centros de FP, co fin de adaptalos ás esixencias actuais. 

Román Rodríguez explicou que a Consellería ten uns 1.600 edificios "cunha idade media ao redor dos 45 ou 50 anos" e que "constantemente requiren investimentos para mellorar estas infraestruturas construtivas para adecualas ás novas metodoloxías, ás novas necesidades educativas, aos alumnos que teñen necesidades específicas e a criterios de sustentabilidade ambiental de consumos enerxéticos".

Pola súa banda, Luis López, repasou os traballos acometidos neste centro e lembrou que a Deputación leva investidos neste mandato no conxunto da Cidade infantil Príncipe Felipe algo máis de 3,2 millóns de euros.

O presidente da Deputación aproveitou o acto para dar a benvida á nova coordinadora xeral do Príncipe Felipe, Ana Amoedo, "que acaba de tomar posesión". Ela é "unha funcionaria da casa que leva 20 anos de servizo e á que agora se lle encomenda pilotar este gran proxecto, ambicioso e ilusionante", dixo Luis López.