A delegación chinesa aplaude que o Plan Revitaliza veña da man dunha administración pública e persoal experto

Pontevedra
02 de outubro 2019

A delegación chinesa finaliza a súa visita a Pontevedra cunha comida no CIFP Carlos Oroza, onde coñeceron o seu funcionamento circular

Delegación chinesa coñecendo o Plan Revitaliza Deputación de Pontevedra

A delegación chinesa que está en Pontevedra para coñecer in situ a implantación da compostaxe como modelo de xestión de lixo ao abeiro do Plan Revitaliza finalizou este mércores a súa viaxe cunha xornada intensa de traballo.

Durante toda a mañá asistiron a unha explicación dos principios do modelo e dos seus resultados e percorreron diferentes centros de compostaxe comunitaria dos concellos de Vilaboa e Pontevedra, así como o CIFP Carlos Oroza, onde coñeceron o seu funcionamento circular.

Durante o percorrido, unha das representantes chinesas, a directora científica do Lishui Institute of Ecological Eviroment da Universidade de Nanjing, Xuehua Zhang, quixo destacar o que considerou a principal diferenza e elemento a salientar do plan provincial de compostaxe.

Segundo destacou, "o importante do Revitaliza é que foron un goberno e persoal experto os que o puxeron en marcha", poñendo isto en contraposición coa maior parte deste tipo de iniciativas que, tanto na China como en outros países, xorden da man de ONG e tamén de entidades sen carácter institucional público.

Para a directora científica, o feito de que sexa un goberno o que aplique o plan de compostaxe descentralizado fai que teña un soporte axeitado para a súa implantación na sociedade tanto en medios como á hora de dar fiabilidade no seu éxito.

Ao mesmo tempo, subliñou a importancia da existencia de persoal técnico capacitado que soporta todo o entramado dos centros de compostaxe comunitarios e individuais, os mestres compostadores formados pola propia Deputación, con profesorado proveniente do campo investigador.

Zhan volveu insistir en que a delegación chinesa levará o modelo Revitaliza ao seu goberno para intentar adaptar os seus principios ao contexto é a poboación do país asiático, en concreto da provincia do Cantón.

Lembrou que na China está moi instalado o sistema de incineración e asegurou que é importante buscar alternativas ambientais que, ademais, poidan supoñer un beneficio para o solo, como é o compost. De feito, indicou que hai un programa de investigación sobre compostaxe en marcha gracias ao que se iniciou o contacto con Pontevedra e outros países.

XORNADA INTENSA

A xornada deste mércores comezou cedo para a delegación chinesa, que participou nunha explicación detallada sobre os principios e os resultados do Revitaliza conseguidos ata o de agora. Posteriormente, o grupo trasladouse ata Vilaboa, onde coñeceu o punto de intercambio verde e de compostaxe situado en Monte do Cabalo. Posteriormente o itinerario seguiu polo centro de compostaxe de diante do Concello, o dun dos colexios do municipio e o da residencia da terceira idade.

Xa en Pontevedra cidade, a comitiva continuou polos composteiros de Ponte Boleira, Eduardo Pondal e do campus da Xunqueira. Finalizou no Príncipe Felipe e no centro de hostalería Carlos Oroza, onde se explicou o seu funcionamento circular: os residuos orgánicos da cociña e do restaurante das prácticas do alumnado pasan ao composteiro, de aí o compost vai á horta ecolóxica, os produtos desa horta pasan á cociña e ao restaurante e volta a comezar.

A delegación chinesa estivo composta dun total de doce persoas, das que dúas son representantes oficiais do goberno chinés, da zona de Cantón: o director xeral adxunto da compañía de xestión de instalaciones públicas, Jun Li, e a subdirectora da Oficina de Xestión Urbana e Aplicación da Lei, Wenfeng Luo. Tamén estiveron dúas representantes da ‘Vanke Foundation’, unha representante da Universidade de Nanjing, tres de ONG, unha dunha empresa privada e dúas de consultoras freelance.