Parece que a sexta onda da pandemia, provocada pola variante ómicron, está a piques de chegar, se é que non o fixo xa, á súa cénit. Un indicio é a redución que se rexistra no número de novos contaxios, que caeu á metade con respecto aos últimos días.
Así, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nas últimas 24 horas certificáronse 579 novos casos, fronte aos máis de mil de xornadas anteriores. Isto situou en 8.459 pacientes as persoas que teñen a infección activa. Son 140 máis que onte.
Os ingresados nos tres hospitais da área sanitaria son 78, un máis, dos cales sete se atopan na unidade de coidados críticos de Montecelo.
A maiores, atendidos en planta hai outras 71 persoas. Hai 56 en Montecelo, doce no Hospital do Salnés e tres no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
O resto dos que contraeron o virus, outras 8.381 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica, ao ser asintomáticos ou ter pouca sintomatoloxía.
Desde o inicio da pandemia 31.826 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 438 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 239 falecementos asociados ao virus. O último, o dunha home de 84 anos que morreu en Montecelo.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 377.980, 618 nas últimas horas. A elas súmanse as 203.403 probas de antíxenos e outras 117.837 probas de detección da covid-19.
INCIDENCIA EN GALICIA
O número de casos de coronavirus en Galicia, pola súa banda, é de 72.573, 128 máis que o día anterior. Deles, 14.747 son da área da Coruña, 7.439 da de Lugo, 8.149 da de Ourense, 8.319 da de Pontevedra, 19.002 da de Vigo, 10.700 da de Santiago e 4.077 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 54 están en UCI, 556 en unidades de hospitalización e 71.963 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 265.149 persoas curadas, rexistrándose 2.847 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 3.468.165 probas PCR, 5.262 nas últimas 24 horas. Os novos casos abertos desde onte, que inclúen os autodiagnósticos con antíxenos, foron 4.921.