O avance da cuarta onda da pandemia xa se nota na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que leva días de crecemento sostido e este domingo xa ten 428 casos activos de covid-19 e 31 pacientes hospitalizados.
Nas últimas xornadas produciuse un acelerón e este domingo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde confirma 27 novos positivos detectados a través de distintos tipos de proba nunha soa xornada. Producíronse 16 altas, de modo que o número total de casos activos é 428, 11 máis que o día anterior.
A situación que máis preocupación xera é a que se está vivindo nos hospitais. Este domingo hai 31 pacientes con covid-19 ingresados, dous máis que o sábado. Na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo hai cinco pacientes, un menos que o día anterior, e en planta de hospitalización hai 26, tres máis nun día.
Nos hospitais hai 21 pacientes en planta no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 5 no Hospital do Salnés. Nestes momentos non hai ningún paciente ingresado no terceiro hospital que durante esta pandemia está a acoller pacientes con coronavirus, o QuirónSalud Miguel Domínguez.
Os 397 casos casos activos restantes que se confirmaron na área sanitaria son pacientes leves que se atopan en corentena no seu domicilio baixo seguimento médico.
Os 27 novos positivos confirmáronse nunha xornada na que se realizaron 1.264 PRC -aínda que non todos os novos casos confírmanse por PCR, senón que hai tamén algúns por test de antíxenos-. É un número superior aos realizados nas últimas xornadas -o venres foran 909- e eleva a 198.060 o total de probas xa efectuadas desde o inicio da pandemia.
Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 curáronse 12.642 pacientes (16 nas últimas 24 horas) e faleceron 168 pacientes.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
Tamén en Galicia está a acelerarse a pandemia. Este domingo hai 2.693 casos activos, 103 máis que o sábado, tras detectarse 188 novos positivos -cifra similar aos 194 do día anterior- e darse 85 altas médicas.
A situación dos hospitais tamén preocupa, con maior presión asistencial. Este domingo hai 9 persoas máis nos hospitais. En total, hai 192 pacientes ingresados, dos que 162 están en planta de hospitalización e 30 en unidades UCI. Nestas unidades de críticos hai un menos que o día anterior.
O crecemento de casos activos é xeneralizado en todas as áreas excepto en Santiago, onde hai 368 casos activos, oito menos que o sábado; e Ourense que ten 220, 4 menos. Na área sanitaria da Coruña hai 673 casos activos (45 máis que o día anterior), a de Vigo ten 706 casos (51 máis), en Pontevedra hai 428 (11 máis), Lugo ten 192 (3 máis) e Ferrol suma 106 (5 máis) .