A crise sanitaria marca un 177 aniversario da Garda Civil íntimo e simbólico en Pontevedra

Pontevedra
13 de maio 2021

O coronel xefe da Comandancia presidiu o acto, no que se deu lectura ás dúas actas fundacionais da Garda Civil e se rendeu homenaxe aos caídos en acto de servizo do Corpo. Estivo tamén adicada a todas as vítimas da pandemia da covid-19 e aos gardas civís que durante o último ano faleceron por esta enfermidade

Conmemoración do 177 aniversario da fundación da Garda Civil PontevedraViva

A crise sanitaria actual derivada da expansión da covid-19 marcou este xoves os actos organizados na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra con motivo do 177 aniversario da fundación do Corpo. Fronte aos actos vistosos no patio das instalacións de anos anteriores, nesta ocasión, optouse pola sobriedade dun acto íntimo e simbólico. 

O coronel xefe da Comandancia de Pontevedra, Simón Venzal, presidiu o acto, no que se deu lectura ás dúas actas fundacionais da Garda Civil e se rendeu homenaxe aos caídos en acto de servizo do Corpo

Esta sentida homenaxe, acompañada por unha coroa de loureiro, estivo tamén adicada a todas as vítimas da pandemia da covid-19 e aos gardas civís que durante o último ano faleceron por esta enfermidade que provocou a pandemia. 

Unha pequena representación de autoridades civís e militares acompañaron á Garda Civil no seu día, nun acto celebrado no hall de entrada ás instalacións por mor da choiva que caía intensamente na mañá deste xoves. 

Acudiron a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez Estébanez; o delegado territorial da Xunta, Luis López; ou o comisario en funcións da Policía Nacional de Vigo, Juan José Diaz Jímenez. No seu caso, acudiu en nome da comisaria xefa provincial, Estíbaliz Palma que esta semana exerce de forma puntual como xefa accidental da Xefatura Superior de Policía de Galicia e participou no acto de aniversario da Coruña.

Ao remate do breve acto, Simón Venzal agradeceu a todos os presentes que compartiran con eles tan importante momento e tivo unhas breves palabras para lembrar a pandemia actual que "nos obliga a mantener el acto de una forma reducida"