A crise de produtividade dos bancos forza o peche do marisqueo

Pontevedra
19 de xaneiro 2024

As confrarías do fondo da ría de Pontevedra, Lourizán, Pontevedra e Raxó, aprobaron o peche dos bancos ata o 15 de abril para o marisqueo a pé e ata xuño para o marisqueo a flote

Un grupo de marscadores Mónica Patxot

As confrarías do fondo da ría de Pontevedra, Lourizán, Pontevedra e Raxó, aprobaron o peche dos bancos ata o 15 de abril para o marisqueo a pé e ata xuño para o marisqueo a flote. 

Este peche por causa de forza maior permitirá ás mariscadoras solicitar á Xunta a axuda polo cesamento de actividade.

A Federación Galega de Confrarías e a Xunta concretaron esta semana axudas para o sector marisqueiro pola caída da produción. Mobilizaranse 15 millóns de euros.

Segundo explican, "haberá unha axuda extraordinaria directa a curto prazo para máis de 7.000 profesionais a pé e a flote que roldará os catro millóns de euros e tamén fondos para as entidades representativas do sector".

Estas axudas extraordinarias e directas cubrirán os custos como a cotización á Seguridade Social, que rolda os 250 euros mensuais. En concreto, repartiranse 550 euros por profesional. Tamén haberá compensacións para confrarías: 350 000 euros a repartir entre as 67 entidades do sector pesqueiro co fin de "paliar parcialmente as perdas" ou caídas de ingresos durante o período de outubro e novembro de 2023. As axudas destinaranse a cubrir necesidades básicas e custos operativos. Os pagos realizaranse en febreiro, segundo a Federación Galega de Confrarias.

"A orde de axudas por parada temporal nas zonas afectadas achegará 10 millóns máis que non se cobrarán ata o próximo verán", indica tamén. Mentres, ao Goberno central pídelle exonerar o sector de pagar as cotas á Seguridade Social, aprobando a zona catastrófica.

Os patróns sinalan que estas axudas non evitarán que algunhas confrarías teñan que presentar Expedientes de Regulación Temporal de Emprego ante a imposibilidade de pagar as nóminas dos seus empregados. 

Este parón na actividade marisqueira inclúe os traballos de rexeneración, sementa e traslado de bivalbos, unha circunstancia que o sector está a negociar co Instituto Social da Mariña exclúa da súa normativa.

A Federación de Confrarías demanda ir "máis aló das axudas a curto prazo" e sinalan como "imprescindible" poñer en marcha un plan de acción que "permita aos bancos de produtos do mar recuperar a produtividade e facer fronte a circunstancias negativas como as sufridas".