A crise da covid incrementa o número de usuarios dos servizos sociais de Marín

Marín
03 de novembro 2020

O goberno local constata que despois do estalido da pandemia moitos veciños perderon os contratos inestables que tiñan e precisan agora a axuda do  Concello para chegar a fin de mes

Demendencias de Servizos Sociais do Concello de Marín PP de Marín

O perfil de usuario do departamento de Servizos Sociais do Concello de Marín está a cambiar. Así o comunicaron esta mañá as concelleiras de Benestar Social, Marián Sanmartín; e a asistente social María Teresa Pérez ao desvelar que aos beneficiarios tradicionais únense agora solicitudes de novas persoas que nunca recibiran unha prestación municipal e que tiñan contratos laborais pouco estables que acabaron extinguíndose pola actual crise da covid.

Dada esta tendencia á alza de solicitantes, o Concello de Marín viuse obrigado a reforzar o orzamento do departamento de Sevicios Sociais a través da creación de novos programas. habilitar novas liñas de axudas ou reforzar o programa de axuda no fogar.

Neste último caso, o goberno local presta asistencia domiciliaria gratuíta a doce persoas que precisan axuda porque son maiores ou dependentes ou viven soas e carecen de autonomía para trasladarse a facer a compra. Ademais, o municipio conta con 11 usuarios do programa básico e con 94 beneficiarios do servizo de dependencia. "Isto supuxo un investimento ata setembro deste ano de preto de 468.000 euros, xa podemos vaticinar que en comparación con eño anterior haberá un aumento do investimento", declarou Sanmartín.

Outro dos programas que se presta desde este departamento é o de Educación Familiar que ofrece asesoramento psicolóxico e de mediación relacionados con problemas de drogas, comportamento ou xestión de experiencias traumáticas. Sesenta persoas benefícianse actualmente deste programa.

O Concello mantén tamén a súa aposta polos programas de envellecemento activo e a estreita colaboración coas oenegués locais.