A covid-19 segue disparada, con 160 novos positivos na área sanitaria, 69 tan só na cidade de Pontevedra

Pontevedra
09 de decembro 2021
Actualizado: 13:41

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten 1.394 casos activos, 143 máis que o día anterior. Tan só na capital hai 464. Nos hospitais a situación non mellora, pero este xoves tampouco empeora, con 38 pacientes. En Galicia pásase a barreira dos 10.000 casos tras máis de 1.000 novos positivos nun día

Persoas con máscara nunha rúa de Pontevedra

A expansión da pandemia segue en aumento na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, cun total de 1.394 casos activos este xoves, 143 máis que o día anterior tras confirmarse 160 novos positivos nunha xornada. 

A situación é preocupante en toda a área sanitaria, pero este xoves chama a atención especialmente o Concello de Pontevedra. Segundo os datos facilitados polo Sergas á administración local, hai 464 casos activos, 69 máis que o día anterior. O mércores eran 395. 

Entre estes positivos constan cinco casos de contaxios en facultativos de Medicina Interna III do Hospital Provincial. Segundo a xerencia do Complexo Hospitalario, estes casos non teñen unha orixe única. A situación obrigou a abrir unha nova zona de ingresos neste centro.

Nos hospitais a situación non mellora, pero este xoves tampouco empeora. Así, hai 38 pacientes hospitalizados, os mesmos que o día anterior, segundo o último balance diario, realizado con datos do seis da tarde do mércores. 

Si hai cambios canto á distribución dos enfermos pois hai un máis na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, que pasa de dous a tres, e un menos en planta, que pasa de 36 a 35. Son 33 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 2 no Hospital do Salnés.  

Ademais dos 38 pacientes hospitalizados, hai outros 1.356 pacientes en corentena no seu domicilio con síntomas leves ou sen síntomas.

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 21.613 pacientes (17 na última xornada) e faleceron por este virus na área sanitaria 211 pacientes.

Nas últimas 24 horas realizáronse 1.113 PCR. Desde o inicio da pandemia realizáronse na área sanitaria 325.889 PCR, 164.942 test de antíxenos e 112.189 probas doutra natureza para detectar o virus. 

GALICIA

A nivel autonómico, este xoves Galicia xa pasa dos 10.000 casos activos, 10.204, en concreto. Son 640 máis que o día anterior tras detectarse 1.034 novos positivos nunha xornada. 

Nos hospitais galegos hai 256 pacientes, cinco máis nunha xornada. Son 219 en planta (tres máis que o mércores) e 37 en UCI (dúas máis).