A Covid-19 obriga a suspender a xuntanza anual de 'Amigos de Pontevedra' por primeira vez en 49 anos

Pontevedra
04 de agosto 2020

Os organizadores explican que as normas de obrigado cumprimento en plena pandemia son "incompatibles co ambiente habitual desta xuntanza", máis aínda despois dos últimos rebrotes. Decidiron pospoñer a 49 edición para o vindeiro ano, "agardando que se dean xa as condicións"

Anuncian os premiados pola 48 edición dos premios Amigos de Pontevedra Mónica Patxot

Nos últimos 48 anos o día grande das festas da Peregrina tiña unha cita obrigada na axenda, a xuntanza anual de 'Amigos de Pontevedra', pero a súa edición número 49 terá que agardar un ano máis. Por primeira vez desde a súa constitución, esta reunión tivo que adiarse por mor das restricións derivada da pandemia da Covid-19. 

Os organizadores explican que as normas de obrigado cumprimento en plena pandemia son "incompatibles co ambiente habitual desta xuntanza", máis aínda despois dos últimos rebrotes detectados por toda España nos últimos días.

Así, a xunta directiva decidiu finalmente pospoñer a 49 edición para o vindeiro ano "debido ás especiais circunstancias que atravesamos" como consecuencia da pandemia do coronavirus, "agardando que se dean xa as condicións para que se celebre como corresponde".

Esta xuntanza celébrase cada ano o sábado da Peregrina para propiciar o reencontro dos pontevedreses que, por motivos laborais, pasan o ano fóra da súa cidade e aproveitan as datas do verán e as festas da Peregrina para regresar a Pontevedra.

Ademais dunha comida de confraternidade, inclúe a entrega de distincións individuais e colectivas aos pontevedreses que máis se teñen distinguido na súa faceta profesional e humana, vencellada sempre á defensa da capital da provincia.