Os casos activos de covid-19 descenderon nas últimas 24 horas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, con 735 pacientes coa infección activa, 8 menos que o mércores 6 de xaneiro. Este descenso é xeneralizado nos municipios da comarca de Pontevedra con restricións específicas e peche perimetral pola elevada incidencia da pandemia, Pontevedra, Poio, Marín -estes tres xuntos-, Barro e Sanxenxo.
Este xoves 7 de xaneiro descenderon os casos especialmente en Pontevedra e Barro. Así, na cidade do Lérez hai 12 casos activos menos que un día antes, situándose en 146.
En Barro, pola súa banda, son oito casos activos menos, pasando de 20 a 12 nun só día. De todos os xeitos, desde o Concello insisten en que "temos que ser moi prudentes", pois do mesmo xeito que en dúas semana pasouse de 3 a 31 casos activos, ese aumento "pode volver pasar".
En Poio, o descenso foi inferior, con 4 casos menos nunha xornada. Este xoves 7 hai 46 casos activos.
En Sanxenxo, segundo os datos facilitados ao Concello, reducíronse en dous os casos activos, situándose en 30.
En Marín, os casos non se reducen, pero si se conteñen. Así, a Consellería de Sanidade comunicou ao Concello que hai 47 casos activos, de modo que non se produciu variación con respecto ao día anterior.
Tampouco en Cambados houbo cambios e mantéñense 38 casos activos. Neste municipio rexistráronse nos últimos 14 días 35 contagios.
En Vilagarcía tamén houbo un pequeno descenso de casos. En concreto, este xoves hai 81 pacientes coa infección activa, un menos.
En Bueu, con todo, a pandemia non se contén e, segundo os datos facilitados ao Concello, hai 59 casos activos por covid-19, un máis.