A corporación provincial respalda a reclamación de Galicia para obter o traspaso e a gratuidade da AP-9

Pontevedra
28 de xuño 2024

Esta moción foi presentada polo Partido Popular e contou co apoio do BNG e a abstención do PSOE nesta esixencia de medidas ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible

Pleno da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

A Corporación Provincial aprobou no pleno ordinario de xuño que a Deputación de Pontevedra apoie a reclamación da Comunidade Autónoma de Galicia para obter o traspaso e a implantación da gratuidade de tarifas de peaxe na autoestrada AP-9.

Esta moción foi presentada polo Partido Popular e contou co apoio do BNG e a abastención do PSOE nesta esixencia de medidas ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

O voceiro do BNG, César Mosquera, dixo aos deputados populares "benvidos a este posicionamento" e preguntoulles "se o día de mañá o PP chega ao Goberno van a manter o mesmo ardor?".

Pola súa banda o portavoz do PP, Jorge Cubela, admitiu que neste asunto "todos temos un pasado" pero sinalou que no caso do PSOE "teñen un presente" polo que pediu que na Deputación actúen "con valentía, non como fixeron os seus compañeiros no Congreso, e defendan os intereses da provincia".

O PSdeG-PSOE defendeu noutra moción esixir á Xunta de Galicia a gratuidade da AG-57, a Autoestrada do Val Miñor. "Esta non é unha proposta nada seria" dixo Cubela sobre esta "cortina de fume" coa que "intentan contraprogramar" e destacou que as peaxes autonómicas na nosa Comunidade son "as máis baixas de España". O BNG sinalou o "grave problema" que ten o goberno galego coas peaxes na sombra e as afloradas "é unha inxustiza comparativa", dixo Mosquera "haberá que resolvelo".

A proposta foi rexeitada, o mesmo que ocurriu coa segunda moción do grupo provincial socialista para esixir á Xunta de Galicia que retire o "atropelo" dos impostos creados pola Lei do ciclo da auga e que Augas de Galicia acometa "equitativamente" actuacións de abastecemento e saneamento en todos os concellos.

Por unanimidade tamén foi aprobada a Conta Xeral correspondente ó exercicio 2023 e a candidatura denominada "Visit Río Minho Plus" para a consolidación desta marca e a creación de novos produtos turísticos transfronterizos.

Tamén houbo acordo para o cambio de titularidade e posterior entrega ao Concello de Vilaboa da estrada provincial EP-0104 Ramal Igrexa Figueirido.

O presidente Luis López informou no Pleno que quedou deserto o concurso público convocado para o alleamento ou constitución dun dereito de superficie de 14 parcelas resultantes do proxecto de parcelación do Plan de sectorización do solo urbanizable e industrial Outeda-Curro, no concello de Barro.