A Corporación provincial insta a sumar esforzos para reverter o peche de oficinas bancarias no rural

Pontevedra
10 de setembro 2021

A Deputación de Pontevedra posiciónase así "na defensa do interese xeral da provincia " e en especial dos  concellos rurais de menor poboación, xa que entende que as oficinas bancarias "prestan un servizo presencial básico" que resulta "imprescindible" nesta contorna rural onde "abunda poboación de avanzada idade sen as competencias dixitais necesarias para operar desde os portais de banca electrónica" sendo estas oficinas "o único recurso" ao alcance destas persoas  

Caixeiro de Abanca Mónica Patxot

A Corporación provincial aprobou este venres unha Declaración institucional contra o peche de oficinas bancarias no rural. Este posicionamento deuse a coñecer neste venres nun pleno con carácter extraordinario que celebrou a Deputación de Pontevedra en  substitución da sesión ordinaria do mes de agosto. 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva foi a encargada de ler o texto consensuado por todos os grupos (PSOE, PP e BNG) e no que instan a sumar esforzos para reverter o peche de oficinas bancarias no rural pontevedrés.

A Deputación de Pontevedra posiciónase así "na defensa do interese xeral da provincia" e en especial dos  concellos rurais de menor poboación, xa que entende que as oficinas bancarias "prestan un servizo presencial básico" que resulta "imprescindible" nesta contorna rural onde "abunda poboación de avanzada idade sen as competencias dixitais necesarias para operar desde os portais de banca electrónica" sendo estas oficinas "o único recurso" ao alcance destas persoas.

Cada vez máis concellos van quedando sen este servizo presencial nun "fenómeno de desertización bancaria" do que a provincia de Pontevedra non é allea e que "causa unha profunda preocupación e un unánime rexeitamento compartido por todos os partidos políticos" e, ademáis, polos veciños afectados que reaccionan "con indignación e impotencia".

A Deputación mostra o seu apoio aos  concellos afectados expresando a súa "solidariedade" aos veciños e reclama que se tomen "as medidas necesarias desde os poderes lexislativos" animando a todos os actores políticos interpelados por esta situación para "adoptar todas as medidas administrativas e reguladoras necesarias para manter unha atención bancaria digna", entendida como un "servizo esencial" en todo o territorio rural.

PLENO BREVE

O Pleno apenas durou un cuarto de hora xa que, ademais da declaración institucional, na orde do día tan só figuraban dous asuntos na parte resolutiva: a aprobación inicial do proxecto de Mellora da seguridade viaria na estrada  EP-2502  Cerquido - Ribadelouro, no municipio de Tui, xunto ao expediente de expropiación. E o segundo asunto foi a transferencia ao  Concello de Poio dun tramo comprendido da estrada provincial  EP-0601 entre Portosanto e Campelo – PO-308.

Ambos os asuntos despacháronse sen debate político sendo aprobados por unanimidade.